17:48 h. viernes, 19 de abril de 2024

O Plan director do Camiño impulsa a colaboración entre Turismo de Galicia e as entidades eclesiásticas da ruta xacobea

Stadio Sport  |  30 de septiembre de 2015 (03:18 h.)

A directora de Turismo de Galicia presentou o Plan Director e Estratéxico do Camiño de Santiago ao deán da Catedral. O documento dedica un plan de acción específico á colaboración entre a Xunta e as entidades eclesiásticas do Camiño que establece liñas de traballo en materia de xestión compartida de equipamentos, programas de apertura do patrimonio eclesiástico ou mellora do acompañamento e acollida ao peregrino, entre outras

 

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Rafael Sánchez, presentaron este martes o Plan Director e Estratéxico do Camiño de Santiago ao deán da Catedral de Santiago, Segundo Pérez.

Durante o encontro, a directora de Turismo de Galicia explicoulle ao deán as numerosas iniciativas que aborda o Plan co obxectivo de acadar no 2021 un Camiño de Santiago xestionado integralmente por todas as administracións e axentes implicados, hospitalario, sostible social, económica e medioambientalmente, protexido, conservado e posto en valor, que satisfaga as necesidades do peregrino e cumpra as súas expectativas, conectado globalmente e accesible, xerador de coñecemento e con difusión internacional e que posicione internacionalmente a marca Galicia.

A responsable de Turismo da Xunta fixo referencia aos catro eixes de desenvolvemento que establece o Plan Director do Camiño de Santiago para lograr estes obxectivos centrados na gobernanza, na xestión, no uso e na difusión, e que recollen un total de oito liñas estratéxicas.

Neste senso, Nava Castro incidiu no eixo da gobernanza, o cal establece un plan de acción destinado á colaboración entre a Xunta e as entidades eclesiásticas do Camiño.

A través deste plan de acción, enmarcado na liña estratéxica centrada na coordinación e organización administrativa, o Plan Director define unhas liñas de traballo de carácter plurianual en materia de xestión compartida de equipamentos entre a Xunta e as entidades eclesiásticas.

Así mesmo, Turismo de Galicia e as entidades eclesiásticas do Camiño colaborarán en programas de apertura do patrimonio eclesiástico e na mellora do acompañamento e acollida ao peregrino.

Por outra parte, o Plan Director e Estratéxico do Camiño de Santiago valora a posibilidade de establecer convenios de colaboración coas Dióceses do Camiño de Santiago en Galicia –Santiago, Ourense, Lugo, Mondoñedo-Ferrol e Tui-Vigo- para o desenvolvemento dun traballo coordinado a prol do Camiño de Santiago e a cultura xacobea.

 

Centro Internacional de Acollida aos Peregrinos en Compostela

Un dos grandes proxectos recollidos no Plan Director do Camiño é a creación do Centro Internacional de Acollida aos Peregrinos en Compostela xa posto en marcha e que se inaugurará nas próximas semanas grazas ao convenio de colaboración asinado entre Turismo de Galicia e a Fundación Catedral de Santiago de Compostela.

A creación deste Centro Internacional de Acollida aos Peregrinos comprace unha vella aspiración dos peregrinos que cando chegaban ao final do Camiño non atopaban un lugar onde poder expresar as súas emocións e experiencias e onde poder informarse sobre Galicia e o seus recursos.

Así, o centro suporá un fito na atención aos peregrinos xacobeos, feito que é necesario dado o actual dinamismo do Camiño de Santiago e o incremento continuado do número de peregrinos.

O Centro, que terá unha superficie superior aos 1.400 m2, contará con diversos servizos como unha Oficina do Peregrino, un Salón de Actos, unha Capela, un centro interconfesional, unha área de información turística, unha biblioteca e centro de documentación xacobeo, unha zona de atención en idiomas ou unha área para asociacións de amigos do Camiño, entre outros.

Hemeroteca