00:02 h. jueves, 28 de marzo de 2024

Pedro Puy salienta o traballo “intenso e produtivo” desenvolvido no Parlamento para “acadar obxectivos”

Stadio Sport  |  30 de diciembre de 2015 (19:09 h.)

O portavoz do PPdeG loubou o traballo desenvolvido por Pilar Rojo como Presidenta do Parlamento, tanto na moderación dos debates como na xestión económica da Cámara. Reiterou que o Presidente da Xunta “é o que ten capacidade de convocar as eleccións galegas, e xa dixo claramente que o plan é esgotar a lexislatura”

 

O portavoz do  Grupo Popular, Pedro Puy, manifestou este mércores que o “traballo moi intenso e produtivo” realizado no Parlamento ao longo do último ano permitiu “acadar os obxectivos”, pero sinalou que “aínda quedan cousas por facer, como a aprobación da nova Lei do solo ou do Plan estratéxico que fixará as liñas estratéxicas en materia económica para afianzar o crecemento”.

Nunha entrevista concedida á COPE en Galicia, Puy lembrou que a actividade parlamentaria do 2015 comezou coa “comparecencia do Presidente da Xunta do mes de xaneiro para anunciar un plan de medidas de impulso democrático, das que a meirande parte xa foron aprobadas”.

Pedro Puy subliñou que “somos o parlamento de España que máis traballa, tanto en sesións plenarias como en comisións” e froito deste labor foi a aprobación de leis relevantes no ámbito institucional e de impulso democrático, algunhas apoiadas polo principal grupo da oposición e outras coa abstención da oposición, como a Lei de reforma do Consello de Contas para a prevención da corrupción, a Lei de financiamento dos partidos, a Lei de participación cidadá ou a Lei de transparencia, ademais da reforma do regulamento da Cámara.

Ademais, dentro do eido social, subliñou a aprobación por unanimidade da Lei de dignidade de enfermos terminais, así como no ámbito económico a aprobación da Lei de orzamentos e a Lei de medidas fiscais e administrativas, “que demostran que hai un Goberno con estabilidade que pode facer unha política económica para o país e que, por primeira vez, porque hai máis ingresos, pode baixar os impostos e potenciar o gasto social e o investimento”.

 

ESGOTAR A LEXISLATURA

Cuestionado sobre o posible adianto na convocatoria de eleccións en Galicia, Puy reiterou que o Presidente da Xunta “é o que ten capacidade para decidir cando se convocan as eleccións, e xa dixo claramente que o plan é esgotar a lexislatura”. “É algo moi razoable, porque estamos vendo despois dos procesos electorais celebrados en Cataluña e España que a inestabilidade non é boa non só para os gobernos, senón para a aprobación das contas para saír da crise”, engadiu.

“Isto é o que está previsto facer, pero vivimos unha etapa convulsa e de incerteza en España que pode condicionar o que está previsto facer, pero iso non quere dicir que se estea pensando, e moito menos falando, en que vaia haber un adianto electoral”, concretou.

O portavoz popular sinalou que Galicia foi unha das comunidades autónomas nas que o partido que está gobernando conseguiu mellores resultados nas pasadas eleccións xerais, polo que indicou que, de cara ás eleccións autonómicas, “o punto de partida fainos ser optimistas con relación á confianza do pobo galego na opción de estabilidade e de crecemento económico que presenta o Partido Popular”.

 

NOVO PRESIDENTE CON EXPERIENCIA

Respecto das novas incorporacións ao Grupo Popular e a elección do novo Presidente do Parlamento, Puy avanzou que “o Presidente e o Grupo Popular analizaremos esta cuestión despois de Reis para buscar as persoas máis axeitadas que substitúan ás dúas compañeiras” que marchan ás Cortes Xerais.

Neste sentido, salientou o traballo desenvolvido por Pilar Rojo como Presidenta do Parlamento “nun momento no que a Cámara acadou un niveis de debate e crispación máis intensos do que é correcto nesta institución”. “Fíxoo dunha forma moi eficiente, ademais da boa xestión da casa, xa que os orzamentos do Parlamento galego foron os primeiros que se axustaron en momentos de crise”, apuntou.

Sobre a substitución na Presidencia do Parlamento, Pedro Puy, logo de salientar que no ámbito parlamentario é moi certo o dito de que “a experiencia é un grao”, avogou por unha persoa “que coñeza o funcionamento da institución, xa que, ademais de co regulamento, se traballa moito con usos e costumes que debe coñecer”. Así, dixo que “debe ser unha persoa coa experiencia suficiente para que o remate da lexislatura poida levarse a cabo sen novidades”.

Hemeroteca