00:05 h. jueves, 25 de abril de 2024

Pedro Puy cualifica o ano parlamentario de “especialmente produtivo”

Stadio Sport  |  28 de diciembre de 2015 (19:43 h.)

O portavoz popular referiuse tamén ás renovacións dos membros do Consello de Contas; a elección da nova Valedora do Pobo e un adxunto ao Valedor; os tres tres senadores en representación da Comunidade galega; e os seis novos membros do Consello de Administración da nova CRTVG

 

O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, cualificou este luns de “ano especialmente produtivo e con profundas transformacións institucionais e de mellora das garantías e os dereitos para os cidadáns” o traballo parlamentario desenvolvido ao longo de 2015, no que se aprobaron 15 novas leis. De cara ao futuro, Puy destacou a tramitación do Plan Estratéxico da Xunta, que permitirá avaliar o gasto orzamentario en función dos obxectivos conseguidos, e doutros proxectos lexislativos, como as novas leis do Solo ou de Patrimonio Cultural.

A curto prazo, Pedro Puy avanzou que esta semana rematará a actividade parlamentaria do ano coa celebración de dúas sesións das comisións 4ª e da Compañía de Radio Televisión de Galicia. Máis en concreto, na Comisión 4ª, logo da dimisión da deputada que a presidía, procederase á renovación da Mesa, de xeito que o actual vicepresidente, Antonio Mouriño, pasará a ocupar a Presidencia e designarase ao deputado Moisés Blanco como vicepresidente.

Puy concretou que o Parlamento galego acolleu ao longo de 2015 a celebración de 24 sesións plenarias e 263 reunións dos distintos órganos colexiados. “Levouse a cabo un traballo que permite que Galicia estea a nivel institucional en orde de revista e de clara mellora para facer fronte á prevención da corrupción e ás desviacións de cartos públicos e, por outra banda, dar conta da mellora da situación económica”, sinalou.

 

NOVOS TEXTOS LEXISLATIVOS

Centrándose nos textos lexislativos aprobados, o portavoz popular salientou a Lei de calidade dos servizos públicos e da boa administración; a Lei de mellora de estrutura territorial agraria; a Lei de emprego público; a Lei de creación do Colexio de dietistas e nutricionistas; a Lei de financiamento das formacións políticas e fundacións e asociacións vinculadas; ou a Lei pola que se aproba unha retribución de carácter extraordinario para a recuperación da paga extra dos empregados públicos. “Só tres comunidades autónomas puideron adiantar a devolución desta paga extra como consecuencia de que tiñan unha posición de solvencia e de cumprimento do déficit garantida que permitía financiar a devolución desta paga extra”, aclarou.

Pedro Puy fixo especial referencia á recentemente aprobada Lei de transparencia e bo goberno, que introduce “cambios revolucionarios para o acceso da cidadanía á información e brinda espazo para os intermediarios entre a opinión publica e os decisores públicos”. Así, destacou que esta norma facilita o acceso a través de internet á información do sector público autonómico, avanza na capacidade de calquera cidadán de pedir información, se incrementa a capacidade de fiscalizar o patrimonio dos altos cargos, os gobernos en funcións non van poder tomar ningunha decisión de contratación; e créase un sistema de control alleo á Administración, elixido polo Parlamento (a Valedora do Pobo) e que ten un consello asesor independente.

Así mesmo, subliñou que, a pesar de ser tramitada nun período de confrontación electoral, esta lei “tivo un alto grao de consenso parlamentario” e indicou que “agora é importante contribuír a que esta esixente norma se poña en marcha canto antes para que os datos estean dispoñibles para a cidadanía”.

Puy tamén se referiu á aprobación a semana pasada da Lei de orzamentos, que por vez primeira contén máis gasto público e reduce o endebedamento e o déficit ca comunidade galega; e a Lei de medidas fiscais e administrativas, coa maior rebaixa fiscal acometida nun único ano na comunidade galega e que permitirá que o 98 por cento dos contribuíntes tributen menos no IRPF.

 

CINCO PROPOSICIÓNS DE LEI

Aos nove proxectos de lei remitidos polo Goberno galego que foron aprobados este ano, Pedro Puy sumou as cinco proposicións de lei dos grupos parlamentarios que tamén entraron en vigor este ano. En concreto, destacou a Lei dos dereitos e garantías dos enfermos terminais, aprobada por unanimidade; a proposición de lei de iniciativa lexislativa popular, que permite aos cidadáns participar directamente no Parlamento con proposicións non de lei ou preguntas ao Goberno; a reforma da Lei de estradas; ou a modificación do Consello de Contas, órgano independente que desenvolverá as funcións de control contra a corrupción.

Respecto da reforma do regulamento do Parlamento, Puy sinalou que “introduce cuestións que non existen en ningún outro regulamento de Cámara parlamentaria en España”, como que a oposición teña capacidade para constituír unha Comisión de Investigación, ademais de axilizar os debates e ampliar o período de sesións.

Por último, o portavoz popular sinalou que neste ano “tamén procedemos á renovación dos membros do Consello de Contas; eliximos unha nova Valedora do Pobo e un adxunto ao Valedor; e designamos aos tres senadores con representación autónoma”. Así mesmo, recordou que se elixiron os seis novos membros do Consello de Administración da nova Corporación da Radio e Televisión de Galicia, que comezará a funcionar como tal o vindeiro 1 de xaneiro.

 

ACTIVIDADE DE FUTURO

De cara ao futuro, Pedro Puy avanzou a tramitación da nova Lei do Solo, sobre a que considerou “bo chegar a acordos porque marca unha tendencia máis aló da lexislatura e terá que ser aplicada por concellos de todas as cores políticas”.

Ademais, subliñou a tramitación do Plan Estratéxico da Xunta, “fundamental neste novo entorno cunhas contas máis equilibradas e de crecemento”. Sobre este plan, Puy salientou que se avanzará “nunha avaliación do gasto orzamentario por obxectivos, esencial para conseguir non só un uso dos recursos públicos legal, contrario a calquera forma de desviación e corrupción, senón tamén eficiente, de maneira que o cumprimento de obxectivos permitirá ir avaliando se os distintos programas de gasto son eficientes”.

Hemeroteca