00:00 h. sábado, 20 de abril de 2024

O Parlamento aproba a iniciativa do GP que reclama máis cota de anchoa para a flota galega do cerco en augas ao sur de Fisterra

Stadio Sport  |  30 de septiembre de 2015 (21:58 h.)

Balseiro pon en valor os esforzos do Goberno galego para acadar máis posibilidades de pesca para o cerco e lembra que desde o ano 2009 as cotas das principais especies obxectivo desta flota (xurelo, xarda e anchoa) teñen aumentado nun 52%

 

Pleno do Parlamento de Galicia aprobou este mércores a iniciativa do Grupo Popular pola que se insta á Xunta a reclamar ao Ministerio o compromiso de habilitar máis cota de bocarte para a flota galega do cerco que faena en augas ao sur de Fisterra.

Segundo explicou o voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, mediante esta iniciativa pretenden facerse eco dunha demanda formulada polo propio sector, a través da Comisión Sectorial do Cerco do Consello Galego de Pesca, que os populares queren que se asuma como propia e se traslade ante as mesas de negociación abertas co resto das Comunidades Autónomas e o Goberno central.

 

DEFENSA DO MODELO ACTUAL

Máis en concreto, reclámase á Secretaría Xeral de Pesca do Ministerio que cumpra o seu compromiso de asinar, no reparto da cota correspondente a España no TAC de anchoa, unha reserva anual dun 10 por cento da cota prevista na zona CIEM IXa (do sur de Fisterra ao Golfo de Cádiz) para a súa pesca en exclusiva polos buques de cerco con porto base en Galicia. Esta reserva deberá estar dispoñible cada ano ata o 31 de outubro, supeditada á presenza efectiva desta especie peláxica que, polo seu carácter altamente migratorio, non sempre aparece nestas augas.

José Manuel Balseiro lamentou a falta de sensibilidade da oposición, que se negou a dar o seu voto favorable a esta iniciativa, a pesar de ter defendido en múltiples ocasións esta mesma petición de incremento de posibilidades de pesca en augas ao sur de Fisterra. A última, a través dunha moción socialista debatida na sesión plenaria de onte. Balseiro censurou “a postura boicoteadora e inmobilista de PSOE, BNG e AGE, por canto antepuxeron os intereses partidistas e a súa obsesión por non coincidir co PP, antes que apoiar unha iniciativa obxectivamente beneficiosa para a flota do cerco”.

 

52% MÁIS DE COTA

O voceiro popular rexeitou tamén as críticas da oposición ante o  sistema actual de reparto de posibilidades de pesca que, de cuestionarse, podería acabar prexudicando á flota galega de cerco en áreas como as augas ao sur de Fisterra, onde a cota de xurelo achégase ao 98 por cento.

Ademais, amosouse partidario de avaliar o resultado dun reparto por tripulante, demandado pola oposición, pois “estamos convencidos de que sería negativo fronte ao modelo actual, que pondera criterios como as descargas históricas con outros aspectos socioeconómicos”.

Finalmente, Balseiro dixo que si a oposición fala hoxe de asfixia do sector pesqueiro por falta de cotas, “cal debera ser o termo empregado para definir a situación na que se atopaba o cerco cando en 2009, gobernando o PSOE co BNG de socio preferente, as cotas do xurelo, da xarda ou da anchoa era un 52 por cento inferiores e o prezo do gasóleo moito maior”.

O deputado popular rematou a súa intervención emprazando á oposición a sumarse aos acordos aos que está chegando a Xunta cos propios representantes do sector do cerco para impulsar medidas de regulación comercial que melloren a rendibilidade e prezo desta pesqueiría.

Hemeroteca