10:28 h. jueves, 28 de marzo de 2024

Montse Prado pide a Sanidade que rectifique e abra as camas e plantas hospitalarias pechadas

Stadio Sport  |  30 de septiembre de 2015 (21:55 h.)

A deputada interpelou a Rocio Mosquera ante o peche de camas e plantas en diferentes centros hospitalarios que están a crear graves consecuencias entre os doentes e profesionais

 

A parlamentaria do BNG, Montse Prado interpelou este mércores á conselleira de sanidade, Rocio Mosquera sobre o peche de camas hospitalarias no verán e as previsións da súa posta en marcha.

Montse Prado preguntou a titular de sanidade se tiña a previsión de abrir as 42 camas pechadas no HULA e a planta de Uroloxía. Asemade, lembrou que a terceira planta do hospital do Salnés pechou a principios de xuño “nun centro xa cun número reducido de camas” recalcou que foi o Partido popular quen votou en contra dunha iniciativa do BNG para a súa apertura. A deputada amosou as súas dúbidas sobre a previsión da consellería de abrir esta planta no día de mañá 1 de outubro.

En Pontevedra, engadiu seguen pechadas 18 camas hospitalarias, nove en Oncoloxía e outras nove en lactantes, na Coruña son 50 camas, en Ferrol 32, no hospital de Conxo pechada a planta de Neumoloxía e no Xil Casares permanece pechada a planta de medicina interna e 9 camas en coidados paliativos.

Para a deputada, o peche de camas provoca consecuencias de agrupamento de patoloxías diversas na mesma planta, sobrecarga asistencial con “profesionais obrigados a saber de todo” das diversas especialidades que deben atender en cada planta, peregrinaxe no hospital para visitar a doentes, condicións, que ao seu entender non se corresponden coa “excelencia” e “calidade asistencial”. Dende o BNG consideramos que estas condicións representan “risco e peor calidade asistencial”.

A parlamentaria tamén denunciou o aumento das listas de espera, a perda de postos de traballo e desmotivación do persoal así como “a perda de dereitos laborais, servizos sanitarios ficticios e a destrución da sanidade pública” polo que volveu a preguntar se a consellería pensa rectificar o vai manter o peche de camas.

A conselleira respondeu que o peche de camas obedece a reordenación habitual dos meses de verán e no mes de setembro a porcentaxe foi menor. Sobre o hospital do Salnés asegurou que a ocupación rondou durante os tres meses, “á metade” polo tanto, cumprimos coa nosa responsabilidade na xestión dos fondos públicos.

Na quenda de réplica a deputada afirmou que a conselleira é “incombustible ao desalento” porque repite por terceira vez algo que “non lle gusta aos doentes deste país” nin os profesionais. En urxencias non hai mantas nin padiolas , “non lle agradeza tanto o traballo aos profesionais e escóiteos”, non os maltrate porque esa é o mellor maneira de recoñecer o seu traballo.

Vostedes no verán pechan plantas, quirófanos e reducen persoal e a realidade é que as súas afirmacións non xustifican o peche de camas, a derivación á sanidade privada, o aumento das listas de espera e doentes que van a urxencias e non son ingresados pola falta de “recurso cama”, concluíu.

Hemeroteca