01:58 h. Sábado, 25 de Noviembre de 2017

Stadio Sport

Máis de 4.200 persoas inscribíronse na bolsa de emprego temporal da Xunta de Galicia

A Consellería de Facenda fai pública a lista provisional de novos admitidos. Do total de novas solicitudes, 2.158 son para a contratación de persoal laboral temporal e outras 2.071 para o nomeamento de funcionarios interinos. O maior número de contratacións no eido da Administración xeral realízase nos centros de servizos sociais, en tarefas como coidadores ou auxiliares de enfermaría

Stadio Sport  |  10 de Octubre de 2015 (19:39 h.)
Más acciones:

 

Un total de 4.229 persoas inscribíronse este ano na bolsa de emprego temporal da Xunta de Galicia, segundo recolle a resolución da Consellería de Facenda publicada onte no Diario Oficial de Galicia. Dita resolución inclúe a lista provisional de novos admitidos e excluídos.

Do total de solicitudes presentadas entre o 1 de marzo e o 15 de xullo desde ano, 2.071 solicitudes corresponden ás listas para o nomeamento de funcionarios interinos dos distintos corpos e escalas, e 2.158 ás listas para a contratación de persoal laboral temporal das diferentes categorías profesionais.

O acceso ao emprego temporal na Administración galega realízase a través do nomeamento de persoal funcionario interino ou da contratación temporal de persoal laboral. En ambos casos, as persoas seleccionadas proceden das listas elaboradas para este efecto. A orde de prelación dos aspirantes –cuxas solicitudes se engaden ás xa existentes- vén determinada pola suma de puntuacións atribuídas aos seus méritos.

 

Centros de servizos sociais

O maior número de contratacións no eido da Administración xeral realízase nos centros de Política Social, en postos de traballo como auxiliar sanitario, coidadores, auxiliares de enfermaría ou coidador xeriátrico. De feito, un total de 618 persoas solicitaron acceder a esta categoría, pertencente ao grupo IV. Hai que ter en conta que os servizos sanitarios, educativos e de Xustiza da Xunta de Galicia incorporan persoal temporal a través das súas propias bolsas de contratación.

As listaxes provisionais de admitidos e excluídos estarán a disposición dos interesados, a partir de onte venres, 9 de outubro, no servizo do Rexistro Xeral e Información da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, nas Oficinas Comarcais da Xunta de Galicia e na páxina web da Xunta (www.xunta.gal).

Os interesados disporán de dez días hábiles, contados a partir de hoxe sábado, para solicitar emendas e achegar a documentación xustificativa. Unha vez examinada a documentación, a Consellería de Facenda, a través da Dirección Xeral da Función Pública, dará publicidade ás listas definitivas cunha nova resolución que se publicará no DOG.