14:00 h. viernes, 29 de marzo de 2024

Intervención do Presidente do Partido Galeguista, Xesús Manuel Suárez, na Asamblea de Iniciativa pola Unión

Stadio Sport  |  28 de septiembre de 2015 (02:53 h.)

¿Cántos discursiños levades escoitado hoxe? Aprezo a vosa pacencia; dende aí abaixo a mensaxe global que se percibe é a da pluralidade: somos diferentes, e ó mesmo tempo todos compartimos a vontade de facer un país ceibe; neste labor, organizacións cívicas e partidos temos que atopar o noso lugar e coordenarnos de xeito que xeremos unha sinerxia que nos conduza ó fin que todos compartimos.

A organización pídenos brevidade, e no tempo que teño non poderei espricar polo miúdo as razóns políticas polas que o P. Galeguista participa desta iniciativa. Vouvos, xa que logo, falar de algo máis cercano, que comprenderedes ben.

Teño tres fillos; os tres tiveron unha boa formación universitaria, pero os tres están fóra: non hai lugar en Galicia pra eles. Cando marchou o último, prometinlle que non pararía até conseguir convosco pra eles e pra os vosos fillos un país aberto e con dignidade ética e política onde caiban todos. Por eso estou eiquí, e por eso estades igoalmente vós, na construción desta Iniciativa pola Unidade, pra oferecerlles un país mellor ós nosos fillos.

Tráiovos eiquí o compromiso na loita por un futuro mellor, pero tamén vos traio a memoria dun pasado que dignificou a historia da nosa nación. Unha poeta amiga díxome un día que unha nación non consegue a súa liberdade se non paga un prezo por ela. Galicia xa pagou ese prezo: a vida de militantes galeguistas, dende Pedro Galán a Alexandre Bóveda, que entregaron todo pola nación. ¿E ti? ¿qué prezo estás disposto a pagar polo país?

Non estamos sós na historia, non somos os primeiros en erguer a nosa vouce pola terra. Sobre a memoria deles traballamos nós, non dende a pura nostalxia, senón dende o compromiso cunha historia que hoxe queremos volver transformar devolvéndolle o protagonismo ó pobo galego.

A Iniciativa pola Unidade resposta a ese compromiso. Un compromiso que esixe sinalamento de prioridades, e a primeira delas é a unidade arredor da fidelidade á nación. O P. Galeguista tén craro que o noso labor pasa necesariamente por tres eixos:

1.      Unidade. A unidade supón unha certa renuncia ós obxetivos propios a prol dos compartidos, supón xenerosidade e visión ampla, visión de país. Deixemos de queixarnos de se algúns se suman ou se quedan noutras alternativas; eles non son agora a nosa prioridade: a nosa prioridade é mirar pra diante, non pra os lados. Chéganos ben con ser quén somos, porque eiquí están os que poñen ó país por riba de calisquer outro ouxetivo.

2.      Compromiso co país. Nós somos hoxe a única candidatura que nace só en Galicia, traballa só por Galicia e resposta só diante do pobo galego, que empeza e acaba en Galicia. Nós somos a única candidatura definitivamente galega.

3.      Pluralidade. Galicia pode quedar aparcada no recoñecemento da súa identidade nacional. Non se trata dunha ameaza a unha crase social concreta, senón á sociedade galega na súa integridade. Xa que logo, a nosa mensaxe tén que ser sensible ós intereses de todo o arco social, político e ideolóxico, e dar resposta a todos eles. Temos que mudar a nosa mensaxe e a nosa imaxe pra alcanzar a todo o espetro social do país.

Diante de min teño ós meus fillos, e ós fillos de todos vós. Detrás de min teño un pasado que nos dignifica e lexitima diante dos pobos do mundo. Hoxe poño diante de vós o reto do pasado heroico e o do futuro incerto. Con ese reto poño eiquí o compromiso do Partido Galeguista pola construción dunha nación ceibe e dignificada. ¡Viva a unidade do pobo galego!

 

Xesús Manuel Suárez

Presidente P.G.

Hemeroteca