00:14 h. martes, 23 de abril de 2024

O Grupo Popular apoia un acordo unánime do Parlamento sobre a erradicación da vespa velutina

Stadio Sport  |  10 de octubre de 2015 (02:00 h.)

Medio Rural repartiu gratuitamente aos apicultores outras 1.500 trampas e líquido atraente, que se suma as 1.300 entregadas con anterioridade e habilitou un crédito de 397.500 euros en axudas directas aos apicultores, entre outras accións

 

O Grupo Popular apoiou este venres a aprobación unánime no Parlamento dunha proposición non de lei sobre a erradicación da vespa velutina, tendo presente que a iniciativa incorpora medidas que a Xunta de Galicia xa ten en marcha na loita contra este insecto.

O portavoz popular en material forestal, José Manuel Balseiro, lembrou que expertos e profesionais apícolas “recoñecen que se trata dunha praga de complicada erradicación, aínda que en Galicia xa se teñen adoptado medidas pioneiras respecto ás demais comunidades autónomas para o seu combate, sempre en consenso co sector”.

 

PRIORIDADE NA ACCIÓN DA XUNTA

Balseiro puxo en valor o acordo unánime adoptado hoxe na Cámara e, en consecuencia, a consideración deste problema como unha prioridade a ter en conta na acción do Goberno da Xunta por parte de todas as forzas políticas.

“Superar o partidismo e consensuar as actuacións a desenvolver é un paso importante e unha mensaxe positiva que damos aos galegos e, en particular, aos profesionais (apicultores, produtores de froita e operarios forestais) que se ven afectados por esta praga”, indicou o portavoz popular.

 

PLAN DE VIXILANCIA E CONTROL

Balseiro lembrou que a Xunta de Galicia ten en marcha distintas medidas dirixidas a evitar a súa propagación, así como a minorar o impacto que poida ter sobre o medio ambiente e sobre as abellas produtoras de mel. Ademais, a Administración galega realiza un seguimento específico desde o punto de vista sanitario.

“Hai en marcha un plan específico de vixilancia e control desta vespa”, recalcou Balseiro, quen lembrou que se desenvolve “en colaboración cos propios profesionais, cos que se manteñen reunións e xuntanzas permanentes, ata o punto de consensuar a creación dun comité de seguimento no que se integrarán todas as asociacións profesionais”.

 

A OPOSICIÓN NON PROPÓN MEDIDAS DIFERENTES

José Manuel Balseiro salientou que este plan inclúe “todas as medidas que a oposición propuxo nas súas iniciativas debatidas hoxe na comisión parlamentaria e que, polo tanto, non hai ningunha diferente que puidera estudarse e incorporarse como novidade”.

Neste senso, fixo un repaso ás principais accións, que consisten na colocación de trampas para detectar a evolución da difusión do insecto no territorio e a localización de niños para a súa eliminación. De feito, a Consellería do Medio Rural repartiu gratuitamente aos apicultores 1.500 trampas e líquido atraente, que se suman ás 1.300 trampas que xa se repartiron nesta primavera, onde se capturaron unhas 3.000 raíñas. “O obxectivo destes trampeos é a captura de raíñas no outono, evitando a formación de novos niños ao ano seguinte”, explicou.

Balseiro tamén citou as medidas compensatorias facilitadas por  Medio Rural, como a habilitación dun crédito por montante 397.500 euros, para esta anualidade, en axudas directas aos apicultores. Para rematar, lembrou que Galicia é a única das comunidades autónomas en establecer un programa de investigación específica para limitar os efectos da invasión deste insecto.

Hemeroteca