00:00 h. viernes, 29 de marzo de 2024

Galicia volve a niveis de desemprego inferiores aos de outubro do ano 2010

Stadio Sport  |  03 de noviembre de 2015 (19:31 h.)

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, salienta que aínda que en outubro medra a cifra de desempregados, algo habitual deste mes, na evolución interanual o número de persoas sen emprego diminúe en -21.952 persoas, o que representa unha baixada do -9%

 

A cifra de desemprego en Galicia no mes de outubro pechou cun total de 222.092 persoas desempregadas, o que supón un incremento do 2,95 por cento con respecto ao mes anterior (+6.355 persoas), cunha evolución interanual que continúa sendo positiva e sitúa á comunidade en niveis de desemprego inferiores aos de outubro do ano 2010.

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, destacou que “aínda que a cifra medra en outubro, con respecto a setembro, compre lembrar que é habitual neste mes”, e destacou que “o comportamento interanual mantén unha evolución positiva”, o que constitúe unha referencia desestacionalizada á hora de valorar as cifras. Así, na evolución interanual salientou que “hoxe Galicia ten 21.952 desempregados menos que en outubro de 2014” , o que supón un descenso das personas sen emprego dun -9,00%.

Segundo estes datos, a secretaria xeral de Emprego resaltou que Galicia xa acumulan dous anos de descensos interanuais consecutivos. En concreto, esta é a vixésimo cuarta baixada. Tamén sinalou que é a segunda maior baixada interanual dun mes de outubro de toda a serie histórica en termos absolutos, isto é, desde 1996. Ademais, por segundo ano consecutivo redúcese o paro nun mes de outubro de xeito interanual.

Grazas a este comportamento “hoxe temos menos inscritos nas oficinas dos que había hai cinco anos”, destacou a secretaria xeral.

En España, o desemprego aumentou este mes de outubro en 82.327 persoas, un 2,01 por cento máis que o mes de setembro, ata situarse en 4.176.369 desempregados. En termos interanuais, o paro rexistrado en España diminuíu nun -7,74%, polo que Galicia sitúase por riba da media estatal nesta evolución cun -9,00%, é dicir, na comunidade o paro rexistrado baixa en 1,26 puntos máis que no Estado.

Por sectores, destaca o comportamento positivo do sector da construción e do colectivo de persoas sen emprego anterior, onde o paro rexistrado baixa en 97 e 324 persoas respectivamente. O aumento do desemprego mensual concéntrase principalmente no sector servizos (+5.278), seguido da agricultura e pesca (+ 1.165) polo fin da vendimia.

Por provincias, o desemprego incrementouse en todas elas con respecto ao mes de setembro: en Pontevedra (+3.371), seguida pola Coruña (+1.705), Ourense (+727) e Lugo (+552).

Hemeroteca