01:56 h. Sábado, 25 de Noviembre de 2017

Stadio Sport

Feijóo suma 98.000 parados mais que en 2009 e unha taxa de desemprego do 20%

A portavoz de Emprego do Grupo Socialista, María Quintas, fixo balance dunhas políticas de emprego do goberno galego caracterizadas pola precarización, desigualdade e empobrecemento e “permisivas co desmantelamento do emprego en aras do interese privado”

Stadio Sport  |  08 de Octubre de 2015 (17:23 h.)
Más acciones:

 

Quintas lembrou que Galicia conta hoxe con 98.000 parados mais que cando Feijóo tomou posesión en 2009.

A responsable socialista sinalou que “a crise non se resolveu en Galicia”, e amosou a súa sorpresa pola promoción do presidente galego como esperanza do PP a nivel nacional cando tódolos indicadores de Galicia reflicten unha situación peor que no resto do Estado. Así, en seis anos o emprego caeu un 12,4 por cento nesta Comunidade Autónoma fronte ao 6,7 por cento da media de España.

Advertiu que en Galicia “as políticas de emprego non existiron agás o lamentable espectáculo dos cursos de formación” presuntamente utilizados pola conselleira Beatriz Mato para financiar ao PP e investigados na Operación Zeta. Mentres, a taxa de temporalidade dispárase ata o 93 por cento e 40 mozos emigran cada día fuxindo da precariedade e de taxas de desemprego do 34,2 por cento, 12 puntos mais que en 2009.

Os últimos datos do paro confirman esta tendencia, explicou, ao sumar 2.005 novos parados en Galicia, mentres os afiliados á Seguridade Social descenden en mais de 5.700, co que a taxa de paro acada o 20 por cento, 8 puntos mais que en 2009. Os traballadores e traballadoras, dixo, “abandonan Galicia ou desisten de inscribirse no paro” mentres Feijóo continúa recortando dereitos, incrementa os copagos e asfixia ás familias.

 

Por enriba das posibilidades

A responsable socialista acusou ao PP de “gobernar por enriba das súas capacidades”, como réplica ao seu vello mantra de que a cidadanía vivía por enriba das súas posibilidades. Criticou que os mesmos dirixentes que asumían esta mensaxe “paseaban con bolsos que equivalían ao salario mínimo interprofesional”.

O goberno galego liquidou a protección social, dixo, ao tempo que incrementaba a poboación en risco de pobreza ou exclusión social ata o 24 por cento da poboación, de acordo coa taxa Arope, que mide estes indicadores. Ademais, de acordo co INE, hai xa 33.500 fogares nos que non entra ningún ingreso, un 70 por cento mais que cando Feijóo chegou ao goberno galego.

Criticou que responda agora a esta situación, logo de seis anos de recortes brutais, cunha remodelación do Executivo que supón “a guinda da demagoxia na política de propaganda de Feijóo”, aumentando as consellerías logo de anos presumindo da súa redución.

Considera “insultante” que hoxe anuncie o combate contra as desigualdades logo de telas provocado “ata o extremo”, e que inaugure unha Consellería de Política Social despois de seis anos “fulminando o investimento público e recortando o gasto social.