14:38 h. jueves, 18 de abril de 2024

Feijóo responderá do caso Baltar no próximo Pleno do Parlamento

Stadio Sport  |  03 de noviembre de 2015 (19:24 h.)

O portavoz do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu, preguntaralle ao presidente da Xunta, na próxima sesión de control do Parlamento, si respalda a actuación do presidente da Deputación de Ourense ao presuntamente ofrecer un posto de traballo a cambio de sexo

 

Os socialistas galegos reclamarán unhas “explicacións razoables” de Feijóo logo da resposta “incrible” logo da pasada reunión do Consello da Xunta, na que reclamaba presunción de inocencia para Baltar e, ao mesmo tempo, acusaba á vítima de intentar que o político do PP “delinquira”. Este caso, dixo, abunda na política de contratación dun ente caracterizada polo nepotismo e, agora, as denuncias de violencia de xénero.

Méndez Romeu esixiulle ao presidente da Xunta que explique “si respalda esta actuación dun presunto agresor e polo tanto ampara un caso de violencia de xénero”, como sinala a denuncia por utilizar unha suposta proposta de traballo para obter sexo. Os socialistas galegos presentarán precisamente no próximo Pleno unha pregunta oral sobre o repunte dos casos de violencia de xénero en Galicia.

O responsable socialista sinalou que esta situación ten derivado hoxe na convocatoria dun Pleno na Deputación para reprobar ao seu presidente á que o PP, o partido maioritario e que ostenta a presidencia, decidiu non participar, demostrando “o despotismo da maioría”.

Esta actuación sitúase na mesma liña, dixo, da “violentación do funcionamento das institucións” que se ten reflectido no Parlamento de Galicia “cando ao PP non lle interesaron os asuntos que se trataban no Pleno e votaron para baleiralo de contido”. Aludiu ao Pleno que ía debater o nomeamento de Besteiro como senador por designación autonómica, vetado a última hora polo PP.

Os socialistas presentaron hoxe unha protesta formal polo incumprimento por parte do PP dos acordos para incluír nas comparecencias de Orzamentos aos responsables dos entes investidores, como a Axencia Galega de Infraestruturas, Augas ou o Igape. Méndez Romeu ironizou coa incorporación dos responsables do “Consello Consultivo e outras parecidas de coñecida capacidade investidora”.

 

Comparecencia

Méndez Romeu lamentou que o PP vetara de novo a comparecencia de Feijóo para dar conta da última crise do seu goberno, e do novo conselleiro de Sanidade precisamente para presentar as liñas da súa actuación. Diante desta negativa, os socialista galegos presentarán dúas interpelacións sobre a xestión da sanidade pública de Ourense e sobre a repercusión das medidas anunciadas polo gobernos central e autonómcio para o sector lácteo.

O próximo Pleno incluirá unha proposición sobre a situación de “abandono” do Centro Gallego de Bos Aires, ao albur do “saqueo institucional” logo da “intromisión política e partidista” perpetrada polo PP e do goberno galego. A segunda das proposicións non de Lei tratará sobre o investimento de fondos europeos para a construción do Centro de Interpretación de Parques Naturais de Galicia.

O Pleno incluirá unha pregunta oral sobre os compromisos da Xunta coa Residencia San Francisco para manter as prazas do centro de Vigo, así como dúas mocións sobre dependencia e sobre a retirada unilateral e retroactiva da subsidiación de préstamos de vivenda.

 

Paro

Méndez Romeu sinalou que os datos de paro coñecidos hoxe confirman o estancamento dos índices económicos de Galicia e o aumento do diferencial de crecemento co resto do Estado e das comunidades autónomas. Unha “progresiva perda de peso”, dixo, provocada pola febleza da economía de Galicia que acentúa a “incapacidade de recuperación do pleno emprego”.

A situación vén provocada, dixo, por un “modelo económico inconsistente” imposto dende o PP, que ten provocado unha das peores taxas de actividade do Estado, seis puntos por debaixo da media, un paro rexistrado que volve estar por enriba da media logo da “tregua estival” e co 90 por cento dos novos contratos en precario. Un panorama que provoca a emigración da poboación e polo tanto a caída da natalidade.

Hemeroteca