01:58 h. Sábado, 25 de Noviembre de 2017

Stadio Sport

Feijóo pide ao PPdeG esixirse máis para servir mellor á xente ante partidos vellos e novos que se convertiron no que criticaban

O presidente dos populares galegos participou na convención de cargos públicos do PP de Ourense

Stadio Sport  |  26 de Septiembre de 2015 (21:53 h.)
Más acciones:

 

O líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, pediu ao seu partido esixirse máis cada día para acertar e ser o que a xente espera dos seus servidores públicos. Deste xeito, quere posicionarse ante os partidos vellos e novos que, despois de cen días, son xa o que tanto criticaban. Na convención de cargos públicos do PP da provincia de Ourense celebrada este sábado en Baños de Molgas, o líder popular fixo fincapé en que isto o vemos agora que se cumpriron tres meses desde que os novos gobernos locais comezaron a funcionar, comprobando o tempo que durou o que dicían, unha ilusión que se vai apagando na xente e neles mesmos que caducan rapidamente pese a ser tan novos. Así, insistiu en que xa observamos cómo en certos gobernos dalgunhas cidades galegas hai medo a gobernar, amosándose  o froito de gobernos que proceden de coalición de intereses partidistas e non polo interese dos seus veciños.Con respecto a isto, Alberto Núñez Feijóo quixo salientar o caso da moción de censura ao goberno popular da Deputación de Lugo, unha situación que pon a guinda do despropósito. Segundo o presidente, trátase do pacto da vergoña, no que o PSOE invita, o BNG acepta e a xente paga. Para o mandatario galego, tratáse dunha moción de censura para a que non hai razóns pero si intereses persoais, partidistas e escuros.

Segundo Feijóo, o tempo sinalará o por qué desta repentina présa e acreditará que non o fan pola xente posto que só traballan para si e dan leccións aos demais mentres as ignoran para eles.

Para o líder do PPdeG, no lado contrario sitúanse os populares con renovación, ilusión, forza, propostas e  xestión, poñendo como exemplo o Partido Popular da Provincia Ourense, con Manuel Baltar á cabeza.

Do mesmo xeito, así tamén o demostrou Jesús Vázquez nos seus primeiros 100 días á fronte da cidade de Ourense, gobernando coa xente e desde a normalidade, sen excéntricismos nin egocentrismos.

Alberto Núñez Feijóo admitiu que o PP só busca que destaque Ourense, algo que xa se está conseguindo grazas ao traballo responsable de todo un equipo que ten proxecto.

Ademais, sinalou que os populares son un proxecto integrador, no que caben todos os cidadáns, que é reflexo dun pobo construído coas achegas de todos.

Nese senso, apuntou que son o primeiro partido de Ourense, de Galicia e de España porque tamén teñen ideas e equipos que perduran, sendo a xente a súa prioridade. Ao mesmo tempo, aseverou que contan con historia, cunha folla de servizos, son un partido de maiorías e asumen as responsabilidades de decisión.

Por todo isto, Feijóo recoñeceu que teñen mellores e peores momentos e que o oportunismo e os que xorden nun momento concreto para tratar de aproveitarse dunha situación están condenados a só un momento.

 

CONSCIENTES E PREPARADOS

Alberto Núñez Feijóo asegurou ao comezo do seu discurso que os populares chegan a este inicio de curso político con forzas renovadas e sendo conscientes das dificultades e os retos que hai por diante pero tamén preparados para afrontalos e superalos

Do mesmo xeito, afirmou que tamén son conscientes porque se hai un partido político que sabe a dificultade que entraña unha situación económica e social como esta é o Partido Popular, que non fuxe das súas responsabilidades, afronta cada un dos problemas, non nega a crise, non disimula a realidade e trata de transformala.

Por outra banda, tamén dixo que están preparados para afrontar o que vén pola experiencia de terse enfrontado xa a un contexto aínda peor e porque saben que o acadado non é suficiente e que hai que seguir. De igual maneira, tamén reaccionan e saben que só hai un xeito de facer todo o que hai por diante: en equipo. 

 

ELECCIÓNS CATALANAS E NACIONAIS

Precisamente como un equipo é como Feijóo recoñeceu que afrontarán as eleccións catalás de este domingo e as eleccións xerais de decembro.

O mandatario galego afirmou que son un partido que aposta pola igualdade, o consenso e a convivencia, algo que reivindican sempre e en todas partes. Por iso, nas eleccións xerais, non só apoiarán a reelección dun presidente que, ademais de ser galego, cambiou para ben todos os indicadores da crise de desgoberno socialista, senón que apoian o xeito dos populares de entender que asumir un cargo é asumir responsabilidades.

Do mesmo xeito, salientou que apoian a necesidade de proxectos sólidos, con contido, unha idea de país e un xeito de gobernar que é o único camiño para poder apoiar á xente, ao tempo que asumía que se precisa a implicación de cada un dos membros do partido, do primeiro ao último.

 

A PRIORIDADE É A XENTE

Segundo o líder dos populares galegos, os partidos, cuxo único proxecto é ir en contra doutro partido, logo non saben que teñen que facer cando hai facer algo máis. Ao mesmo tempo, sinalou que os partidos que só nacen para presentarse a unhas eleccións, despois, ao que se dedican é ás eleccións.

Así mesmo, pediu tomar exemplo de Jesús Vázquez e de tantos alcaldes da provincia de Ourense e non perder a perspectiva do que é o importante e das súas prioridades.

Mentres para outros partidos o único son as eleccións, para os populares o primeiro, o segundo e o terceiro é a xente xa que se trata da súa obriga e do seu compromiso.

Isto é o que os fai ser o primeiro partido de Ourense, de Galicia e de España, ademais de que é  como sempre gañan as eleccións e como, segundo as súas palabras, gañarán tamén as seguintes.

 

PRESUPOSTOS

O presidente dos popular puxo de manifesto que a crise foi máis crise por culpa do Partido Socialista xa que o lastre da súa xestión orixinouse pola súa incapacidade para presentar unhas contas públicas realistas e cuxas contas ficticias, en lugar de solucionar problemas, se converteron nun moi grande tamén por resolver.

Segundo Feijóo, os presupostos do Estado foron o negro sobre branco do seu goberno nefasto, no que adiantaron as eleccións xerais en 2011 para non ter que volver a facer outro presuposto.

Pola súa banda, o Goberno de España xa presentou os seus presupostos e a Xunta de Galicia tamén presentou o teito de gasto e presentará os seus presupostos xa que a carta de presentación dos populares é que poden presentar resultados.

 

DECISIÓNS DO NOVO CURSO POLÍTICO

O líder dos populares afirmou que só cumprindo o seu deber e gobernando é como agora volve crecer a economía, encadéanse 24 meses de baixada de paro,asegúranse unhas as políticas sociais ou melloran as cifras do turismo -co Ourense Termal como unha das nosas grandes bandeiras-. Do mesmo xeito,  pasamos do déficit a unha economía que se vai saneando e temos unhas contas públicas coas que neste novo curso comezaranse a recoller froitos.

Para o presidente do PPdeG, a economía, os servizos públicos, o progreso e a recuperación non se manteñen só con verbas, boas intencións e desexos senón con esforzo, tal e como eles fixeron, sendo isto o que saben facer e o que ofrecen á xente

Así, segundo Feijóo, mentres uns falan, os populares fan, reaccionan, e actúan tendo por diante unha gran tarefa que farán todos xuntos: ourensáns, galegos e españois.