00:00 h. sábado, 20 de abril de 2024

Feijóo afirma que a renovación da Ponencia política non quedará nunha declaración de intencións senón que se aplicará de xeito inmediato e continuo

Stadio Sport  |  02 de octubre de 2015 (18:06 h.)

O líder do PPdeG participou na presentación da Ponencia do partido, un acto no que tamén interveu Andrea Levy. Apunta que o documento é un exercicio de humildade e autocrítica que ven do traballo conxunto do partido co conxunto da sociedade

 

O presidente dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que a Ponencia política do PPdeG non quedará nunha simple declaración de intencións senón que se converterá en feitos nunha renovación que comezarán de xeito inmediato e de forma continuada. Así o confirmou o líder popular na presentación deste documento celebrada este venres en Santiago de Compostela.

Neste acto, no que tamén interviron o coordinador do equipo redactor da Ponencia, José Manuel Rey, e a vicesecretaria de Estudos e Programas do Partido Popular, Andrea Levy, Feijóo apuntou que o documento é un exercicio de humildade e autocrítica, un propósito de emenda tentando aproveitar os acertos e un código de autoesixencia.

Nesa liña, engadiu que a Ponencia política do PPdeG ven do traballo conxunto do partido e a sociedade, sendo un resultado pero non un fin.

Alberto Núñez Feijóo comezou a súa intervención recordando que o 1 de marzo de 2009 o PPdeG obtivo unha vitoria electoral practicamente sen precedentes na historia das autonomías recuperando a maioría absoluta en menos de catro anos. Segundo sinalou, esta maioría ampliouse o 20 de outubro de 2012 cando moi poucos gobernos en toda Europa revalidaban a confianza dos seus cidadáns, logo de gobernar en plena crise económica.

Para o mandatario popular, isto foi posible grazas a que souberon conectar coa xente para responder ás súas expectativas e souberon renovarse para responder ás esixencias de cada momento.

O líder do PPdeG asegurou que hoxe plasman no documento da Ponencia política a súa vontade por seguir estando á altura, ao tempo que recoñeceu que nas pasadas eleccións municipais de xuño non obtiveron todo o apoio que aspiraban ter. Nesa liña, fixo fincapé en que non podían refuxiarse na vitoria electoral nin podían quedar paralizados ante a mensaxe que lles deron as urnas.

Segundo Feijóo, á xente hai que escoitala sempre con humildade, así como sempre deben ser autocríticos para esixirse máis a eles mesmos. Nese senso, o mandatario asegurou os populares reaccionaron renovando ideas equipos e actitudes.

 

O PARTIDO QUE MÁIS SE PARECE A GALICIA

Alberto Núñez Feijóo afirmou que a Ponencia política que hoxe presentaron é o resultado dun proceso de apertura no partido sen precedentes, de abrirse a novas xeracións, de contactar coa sociedade civil e da participación e implicación dos afiliados.

Segundo o presidente dos populares galegos, o PPdeG é o primeiro partido de Galicia porque con eles identifícanse os galegos e ségueno sendo co paso do tempo porque saben evolucionar, actuar, reaccionar e renovarse ao ritmo que lles marca a sociedade.

Por iso, afirmou que deben esixirse a eles mesmos a exemplaridade que os cidadáns esixen aos seu representantes e, como representantes, ser capaces de que os perciban cercanos á xente e ás súas preocupacións.

Segundo o líder popular, teñen que saber dar entrada aos mozos no funcionamento do partido posto que non son un proxecto de futuro senón que son o presente e, por iso, teñen que aumentar as canles de participación.

 

CENTRO GALEGUISTA

O presidente dos populares galegos declarou que a xente require dun partido de centro, reformista e que saiba ser punto de encontro entre diferentes xeracións e lugares. Segundo Feijóo, ese partido non o hai nin que inventar nin improvisar porque xa existe e é o Partido Popular.

Para Feijóo, un mellor PPdeG só se atopa no propio PPdeG, un partido galeguista, orgulloso de ser galegos, de que o noso xeito de ser españois sexa sendo galegos e orgulloso do que sente e de como actúa o pobo. Por todo iso, incidiu en que non queren nin cambiar a nosa forma de actuar, de pensar ou de sentir senón representala do mellor xeito posible.

O presidente quixo salientar que todo isto non ten nada que ver coa confrontación con outros pobos, coa división con outras linguas ou  con entrar en discusións de psicanalistas para preguntarnos o que somos no diván da política.

Segundo Feijóo, o labor dos populares nun momento de dificultade  do país é fundamental para mandar unha mensaxe ao conxunto dos españois que están vendo con interese qué se está facendo nesta nacionalidade histórica chamada Galicia.

Para o líder dos populares galegos, o orgullo da condición de galegos non o van empregar para dividir senón que o farán para entendernos entre nós e cos demais. Así, segundo recolle a Ponencia, no centro están as persoas e Galicia e isto é algo do que o PPdeG non se pode desviar.

 

RECUPERACIÓN PARA TODOS

O líder do PPdeG afirmou que o seu partido propiciou unha nova etapa no país que require que a recuperación sexa para todos, empezando por quen máis o precisa.

O mandatario popular engadiu que se acertaron con políticas que achegaron o país á recuperación, deben facelo tamén con políticas que acheguen a recuperación á cidadanía. Nesta liña, apuntou que o primeiro obxectivo é estar ao carón dos cidadáns que aínda non teñen emprego.

Do mesmo xeito, o presidente do PPdeG afirmou que teñen que estar preto de emprendedores e autónomos nas súas iniciativas; das mozas e mozos, con políticas que propicien máis oportunidades; ao carón das mulleres e homes do mar; do sector primario galego; e que deben redobrar a súa presenza no medio rural e no sector marítimo. Ademais, tamén falou da intención de estar cerca dos traballadores públicos, aos que considera auténticos valedores da calidade dos servizos públicos e tamén do apoio á sociedade; e próximos ás familias.

 

MEDIDAS

Alberto Núñez Feijóo sinalou que na Ponencia está presente a opinión e os requirimentos dos cidadáns de Galicia así como políticas concretas “para os galegos desde os galegos”.

Así, fixo alusión ás medidas que o documento inclúe e que son de apoio á creación de emprego, aos sectores produtivos e á mocidade.

Nesa liña, mencionou que tamén tratan de incrementar as prestación sociais públicas, intensificar a inclusión social e saber adoptar con acerto aquelas medidas que agora teñen capacidade para levar a cabo, ademais do apoio ás capacidades dos traballadores e a baixada de impostos.

En conclusión, o líder do PPdeG asegurou que do que se trata é de saber recoller con acerto os esforzos que, segundo as súas palabras, entre todos sementamos para preparar así o futuro.

Hemeroteca