21:25 h. martes, 16 de abril de 2024

Discriminación a Galicia no límite de déficit imposto polo PP e o Goberno central

Stadio Sport  |  08 de octubre de 2015 (02:00 h.)

O portavoz de Facenda do Grupo Socialista, Juan Carlos González Santín, denunciou que Galicia resulta “prexudicada polo trato desigual” nos límites de déficit impostos polas autonomías do PP, a instancias do Ministro de Facenda, no último Consello de Política Fiscal e Financeira

 

Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei para reclamar un novo sistema de financiamento que corrixa a discriminación á que se ven sometidas as comunidades autónomas que cumpriron co obxectivo de déficit a costa de drásticos recortes sociais, en beneficio de aquelas que incumpriron a obriga do goberno, e que foi rexeitada hoxe polo PP.

González Santín lembrou que o último CPFF fixou un límite de déficit idéntico para tódalas comunidades autónomas do 0,3 por cento en 2016, do 0,1 en 2017 e do 0 por cento en 2018. Isto supón que aquelas que sacrificaron os seus servizos públicos coa escusa de cumprir co déficit teñen que facer o mesmo esforzo que aquelas que non o fixeron, e mesmo mais que o Goberno central, que fixou para si un límite do 2,2 por cento.

O responsable socialista advertiu que “aquelas administracións que teñen que prestar servizos públicos esenciais, e mentres a Seguridade Social, que paga as pensións, ten un límite do 0,3 por cento, igual que as comunidades autónomas que afrontan servizos públicos esenciais, o resto do Estado ten o 2,2, o que non parece lóxico nin razoable”.

A esta primeira discriminación súmase, explicou, a diferenza nos límites de débeda pública, que se fixa para o conxunto no 22,5 por cento do PIB para o ano 2016, do 21,8 por cento en 2017 e do 20,9 en 2018. Sen embargo, fíxase un límite diferente para cada comunidade que vai dende o 38,2 por cento para o ano 2016 de Valencia ata o 13 por cento de Madrid para o mesmo ano.

Galicia, cun 18,1 por cento, convértese de facto nunha das comunidades autónomas con menor débeda permitida para os anos 2016, 2017 e 2018, “impedindo que aquelas autonomías que demostraron unha maior responsabilidade poidan ter marxe de manobra”.

González Santín reclamou a reforma do sistema de financiamento para recoñecer o esforzo realizado pola cidadanía e para incorporar as especiais condicións de idade e dispersión poboacional de Galicia, que provocan un incremento notable do custe dos servizos públicos.

Hemeroteca