11:35 h. Lunes, 20 de Noviembre de 2017

Stadio Sport

A Deputacion da Coruña non renova o convenio de colaboración que lle permitía ao Concello de Cabana a xestión cultural do Dolmen de Dombate

Salvemos Cabana, que solicitara a suspensión do acordo dende 2014, felicita ao organismo provincial pola decisión tomada, o que sen dúbida permitirá a conservación axeitada do monumento e o seu mantemento como xacemento arqueolóxico de primeira orde e non como un mero recinto multiusos

Stadio Sport  |  30 de Diciembre de 2015 (21:15 h.)
Más acciones:

 

A asociación, que puido verificar hoxe o feito tras un breve encontro na sede da Deputación da Coruña, solicitara o pasado mes de maio a actuación inmediata da entidade provincial logo dos danos aparecidos na custosa réplica do megalito debido á falta de control sobre os grupos de visitantes, favorecido pola errónea política do alcalde de Cabana de Bergantiños e o seu asesor de cultura de traer as visitas 'a miles' ao xacemento pero sen prever as posibles consecuencias.

Salvemos Cabana, colectivo entre cuxos fins fundacionais está a defensa do patrimonio sociocultural ademais do ambiental, xa advertira previamente e en reiteradas ocasións do risco que supón o converter este enclave arqueolóxico nunha sala de usos múltiples para a realización de actividades con presenza masiva de público, que estaban a transformar o recinto nunha sorte de parque temático fronte ao seu verdadeiro carácter, ao tratarse do mellor expoñente do período megalítico en terras galegas.

UNHA INTERVENCIÓN AXEITADA

A asociación pedira tamén "a valoración por parte de expertos do estado actual e posible deterioración das pinturas" do megalito, así "coma o establecemento dun número máximo de visitas recomendado ao recinto arqueolóxico en aras da súa conservación".

A isto respondeu o organismo provincial en datas recentes co establecemento de accións de mellora. Por iso, entre outras iniciativas, tres especialistas en distintos ámbitos da restauración de bens culturais baixo supervisión do experto Fernando Carreira, profesor titular da Escola de Restauración e Conservación de Bens Culturais de Galicia controlarán periodicamente e in situ as condicións das pinturas do dolmen, un gran paso sen dúbida para a súa correcta preservación.

UNHA WEB PARA DOMBATE

A partir destes cambios, a asociación comprométese a colaborar coas autoridades provinciais no estudo e divulgación do monumento cunha primeira medida que será a elaboración dunha páxina web informativa que poida servir de guía e referencia cultural deste singular período da prehistoria peninsular.

UN PATRIMONIO GALEGO UNIVERSAL

O Dolmen de Dombate deuse a coñecer polo historiador Manuel Murguía e o propio Eduardo Pondal inmortalizouno en 1885 no seu poema "Queixumes dos pinos". Con todo, os primeiros estudos detallados do monumento foron realizados durante o século XX por Parga Pondal e Pérez Bustamante, entre outros autores.

Xa en época moderna (entre 1987 e 1989) leváronse a cabo escavacións arqueolóxicas sistemáticas que puxeron de manifesto a súa estrutura de cámara e corredor, con pinturas e petróglifos nas súas laxas, o que fai que este monumento do IV Milenio A.C. sexa actualmente considerado como a "Catedral do Megalitismo" en Galicia.

O monumento é propiedade da Deputación da Coruña, comprado por acordo plenario en 1975 logo de adquisición de terreos cunha superficie total de 715 m² na parroquia cabanesa de Borneiro, e declarado Ben de Interese Cultural (por aquel entón Monumento Histórico-Artístico) o 11 de marzo de 1978, a través do decreto 728/78 publicado no Boletín Oficial del Estado (BOE).