17:48 h. viernes, 19 de abril de 2024

O Consello dá luz verde para investir 28,5 millóns de € nas áreas de rehabilitación integral, o que permitirá contribuír á rehabilitación de 1.661 vivendas

Stadio Sport  |  08 de octubre de 2015 (19:20 h.)

Feijóo apunta que estes acordos entre a Xunta, o Ministerio de Fomento e os 38 concellos nos que se sitúan as 54 Areas serán asinados no marco da comisión bilateral de seguimento do Plan Estatal de Fomento do Alugueiro de Vivendas, a Rehabilitación Edificatoria e a Rexeneración e Renovación Urbanas 2013-2016

 

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou este xoves que o Goberno galego segue comprometido coa rehabilitación e, concretamente, coas Áreas de Rehabilitación Integral declaradas na nosa Comunidade. Así, o Consello vén de autorizar a sinatura dos acordos entre a Xunta, o Ministerio de Fomento e os 38 concellos nos que se sitúan as 54 Areas de Rehabilitación Integral galegas.

O obxectivo é investir nestas áreas un total de 28,5 millóns de euros, que permitirán permitirán contribuír á rehabilitación de 1.661 vivendas. Os acordos asinaranse no marco da comisión bilateral de seguimento do Plan Estatal de Fomento do Alugueiro de Vivendas, a Rehabilitación Edificatoria e a Rexeneración e Renovación Urbanas 2013-2016.

As axudas incluídas nos convenios permitirán subvencionar as actuacións de rehabilitación executadas polos propietarios das vivendas emprazadas nas áreas de rehabilitación, así como obras de urbanización e reurbanización realizadas polos correspondentes concellos.

Segundo Feijóo, o financiamento aprobado hoxe súmase ao recollido nos acordos asinados o pasado 14 de marzo de 2015 con 19 concellos e que inclúen axudas por un total de case 6 millóns de euros.

 

Galicia, un referente na rehabilitación no conxunto do Estado

Por tanto, como engadiu, a Xunta segue a traballar para continuar sendo un referente de rehabilitación no conxunto do Estado, toda vez que considera que esta liña de actuación debe ser prioritaria na política de vivenda.

Neste senso, o titular do Goberno galego destacou que desde 1996 foron declaradas en Galicia 66 áreas de rehabilitación en 40 concellos e tamén se declarou unha ARI tan singular como é a área de rehabilitación dos Camiños de Santiago. No que atinxe a esta última, apuntou que transcorre por 107 concellos das catro provincias, de maneira que o total de concellos galegos que dispoñen de áreas de rehabilitación ascende a 128, xa que algúns dos concellos incluídos na área dos Camiños de Santiago tamén teñen Aris propias.

En total, dende o ano da súa creación, rehabilitáronse ao abeiro das Aris máis de 11.300 inmobles na Comunidade, cuxos propietarios recibiron axudas da Xunta e o Estado.

Como puntualizou Feijóo, as achegas da Xunta e o Estado para a rehabilitación de vivendas e urbanización e reurbanización suman un total de 190 millóns desde a creación do programa en 1996.

Hemeroteca