00:09 h. jueves, 28 de marzo de 2024

Compromiso celebra o sábado 24 a Convención Nacional para decidir a fórmula de concorrencia ás xerais

Stadio Sport  |  10 de octubre de 2015 (21:45 h.)

CxG participará na xuntanza promovida por Encontro Cidadán e Iniciativa pola Unión

 

A Comisión Executiva Nacional de Compromiso por Galicia, logo da delegación levada a cabo polo Consello Político Nacional, vén de convocar para o próximo sábado 24 de outubro en Santiago de Compostela a Convención onde a organización galeguista decidirá a súa fórmula de concorrencia ás vindeiras eleccións xerais onde, segundo o Secretario Xeral, Xoán Bascuas, “calquera persoa afiliada pode presentar a súa proposta de concorrencia contando tan só con 15 avais”. Así Bascuas anuncia que a dirección non terá ningún tipo de posición, “para que o debate sexa realmente horizontal, participado, construído dende abaixo e que responda á vontade maioritaria da nosa afiliación”.

De igual xeito, no regulamento da Convención Nacional recóllese o seu carácter, “aberto á cidadanía que queira participar no debate e expresar a súa opinión”, e comezará ás 10.30 horas coa constitución da Mesa, para seguir coa aprobación da orde do día, regulamento da Asemblea e a exposición e votación das fórmulas de concorrencia, que poderá ser en dúas voltas de non se conseguir a maioría na primeira votación. Na sesión de tarde, debaterase e aprobarase o documento político, onde Compromiso considera fundamental propiciar un cambio político e institucional no Estado nas vindeiras eleccións xerais, no que Galicia –como suxeito político- estea presente. Entre as propostas concretas que recolle o documento está o dunha reforma da Constitución cara un Estado de corte confederal que recoñeza o seu carácter plurinacional, pluricultural e plurilingüístico, que implique a eliminación do Senado, a eliminación das Deputacións Provinciais, o establecemento dunha Facenda Galega, con capacidade tributaria máxima ou establecemento de mecanismos para a representación directa de Galicia nas institucións europeas.

Noutra orde de cousas, e ante a convocatoria realizada por Encontro Cidadán por unha Marea Galega e Iniciativa pola Unión a todos os partidos que se teñen manifestado a favor dunha candidatura unitaria, a Comisión Executiva Nacional de Compromiso quixo “saudar moi positivamente este feito” e anunciou a súa participación.

Hemeroteca