01:53 h. Sábado, 25 de Noviembre de 2017

Stadio Sport

CCOO sinala que o incremento do paro revela a verdadeira situación do emprego en Galicia: “Non hai recuperación”

Desde Comisións Obreiras denuncian que Galicia non está a superar a crise “porque non se desenvolveron as políticas necesarias”

Stadio Sport  |  02 de Octubre de 2015 (16:12 h.)
Más acciones:

O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras (CCOO) sinala que, tal e como advertira nos últimos meses, o remate das contratacións precarias, ligadas á temporada estival, trouxo consigo un incremento do desemprego. O datos do mes de setembro reflicten que en Galicia non hai nin recuperación nin emprego; ademais, o aumento do paro é maior que o promedio estatal.

Para a secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza, o remate do verán «reflicte con crueza» cal é a «verdadeira situación da economía galega»: menos emprego, máis paro e situación de emerxencia social nunha unha economía «que non supera a crise porque non se desenvolven as políticas necesarias».

En definitiva, setembro deixa máis persoas desempregadas no sector servizos, ao tempo que se mantén a desproporción entre a caída no emprego e a da afiliación, «evidenciando o incesante goteo de persoas que abandonan o mercado laboral por falta de expectativas».

Neste contexto, Bouza denuncia que o Goberno do Estado vai aprobar uns Orzamentos Xerais para 2016 que non incorporan medidas para estimular a recuperación da actividade económica e, con ela, do emprego. «Aínda peor, recorta os recursos para a protección por desemprego», critica a sindicalista.

Por esta razón, a secretaria de Emprego de CCOO insta a Xunta de Gailcia a lle esixir ao Goberno Central «os recursos que nos corresponden en función da nosa poboación e o noso volume de desemprego». Tamén, que nos orzamentos do 2016 a propia Xunta «incorpore os recursos propios necesarios para garantir a protección social as persoas desempregadas e para o financiamento das políticas de emprego necesarias para paliar a dramática situación do desemprego en Galicia, sen esquecer aquelas outras que favorezan a actividade».

 

Datos do mes de setembro

Segundo os datos feitos públicos hoxe, o mes de setembro rematou con 215.737 persoas desempregadas rexistradas nas oficinas dos servizos públicos de emprego. Destas, o 55 % son mulleres (118.882 mulleres) e o 5 % son persoas menores de 25 anos (11.058 mozos e mozas).

Este mes o desemprego sobe en 2.005 persoas, o que supón un incremento do 0,94 % (na media estatal tamén sobe pero un 0,64 %). A suba afecta, sobre todo, ás mulleres (1.901 paradas máis fronte a 104 parados máis) e ás persoas menores de 25 anos (un 3,25 %).

O paro rexistrado sobe nos servizos: 3.260 persoas máis en paro ca en agosto (+2,43 %). Nos restantes sectores baixa: hai 753 persoas paradas menos na construción, 357 na industria, 73 no colectivo sen emprego anterior e 72 na agricultura.

Na comparación anual hai 22.466 persoas menos desempregadas (–9,43 %). A baixada do desemprego por sectores é xeneralizada pero, en proporción, é máis intensa nos sectores máis masculinizados: a construción (–18,11 %) e a industria (–17,39 %). En comparación co mes de setembro de 2014, o paro baixou en 14.415 homes, 8.051 mulleres; 2.840 son menores de 25 anos.

 

Análise da contratación

A contratación está marcada pola temporalidade: no mes de setembro rexistráronse 81.456 contratos temporais nas oficinas dos servizos públicos de emprego (o 93,04 % do total) e só 6.097 indefinidos (o 6,96 % do total). Este mes rexistráronse 2.215 contratos indefinidos máis e 9.374 contratos temporais máis (subas do 57,06 % e do 13 %, respectivamente). Na comparación anual, baixa a contratación indefinida (8 contratos indefinidos menos fronte a 7.201 contratos temporais máis).

 

Afiliación á seguridade social

A afiliación á seguridade social evoluciona peor en Galicia ca na media estatal tanto na comparación mensual coma na anual. Este mes hai 5.724 afiliacións menos en Galicia, un descenso do 0,59 %; pola contra, na media estatal practicamente mantense, un mínimo incremento do 0,05 %. Así pois, a afiliación á seguridade social en Galicia continúa por baixo do millón de persoas, exactamente 957.472. A evolución por réximes foi como segue: 5.704 afiliacións menos no réxime xeral, 191 menos no de autónomos e 172 máis no do mar.

 

Prestacións por desemprego

No mes de agosto de 2015 había 106.539 persoas a cobraren unha prestación por desemprego: 48.424 percibían un subsidio por desemprego, 44.076 contributivas, 12.234 a renda activa de inserción e 1.805 correspondían ao programa de activación de emprego. Son 17.853 persoas beneficiadas menos ca hai un ano e a situación agravase porque hai máis persoas percibindo un subsidio por desemprego que unha prestación contributiva.

A cobertura do sistema de protección por desemprego durante o mes de agosto de 2015 foi do 54,6 %, mentres que un ano antes era do 57,5 %. Polo tanto, en Galicia hai unhas 90.000 persoas paradas que teñen experiencia laboral mais non cobran prestacións por desemprego.