03:53 h. jueves, 18 de abril de 2024

CCOO sinala que a actividade económica retrocede en Galicia

Stadio Sport  |  03 de noviembre de 2015 (19:36 h.)

Por segundo mes consecutivo aumenta o desemprego mentres minguan a afiliación á seguridade social e a contratación

 

Por segundo mes consecutivo, o remate das contratacións precarias ligadas á temporada estival tradúcese no aumento do desemprego, polo que xa hai 222.092 paradas e parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego. En relación co mes anterior, o paro incrementouse o 2,95 %, case un punto máis ca a medio estatal. Segundo a secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza, este aumento do paro, xunto coas caídas da contratación e da afiliación á seguridade social, «demostra que a actividade económica está en retroceso».

Respecto do mes anterior, reduciuse o número de contratos e, ademais, os postos de traballo que se crearon teñen condicións precarias, sinala Bouza. No último mes, o emprego destruíuse sobre todo nos servizos, «co que se persevera nun modelo produtivo que se evidenciou fracasado na crise», critica a secretaria de Emprego de CCOO. A sindicalista coida «imprescindibles» outras políticas que aposten por un novo modelo produtivo para que Galicia saia da crise e mude a situación dos galegos e das galegas.

Hoxe en día, o desemprego, a precariedade e a desprotección «son os principais problemas de Galicia», apunta Bouza. Como xa expresara o sindicato semanas atrás en referencia aos cambios no Executivo de Feijóo, a sindicalista lembra que «non abonda con mudar as persoas no Goberno: cómpre mudar tamén as políticas». Neste sentido, o proxecto de orzamentos para 2016, que se está a tramitar no Parlamento de Galicia, «non vai nesta dirección pero aínda está a tempo de cambiar».

Desde Comisións Obreiras afirman que Galicia, os galegos e as galegas, deben ser o centro das políticas da Xunta. Por este motivo, e ante o «drama» dos centos de fogares en que non entra ingreso ningún, desde o sindicato pídese a implantación dunha prestación de ingresos mínimos, na liña da iniciativa lexislativa popular (ILP) promovida en todo o Estado por CCOO e UGT.

 

Sobe o paro en Galicia

Segundo os datos publicados hoxe, o mes de outubro rematou con 222.092 persoas desempregadas rexistradas nas oficinas dos servizos públicos de emprego. Destas, o 55 % son mulleres (121.277 mulleres) e o 5 % son persoas menores de 25 anos (11.285 mozos e mozas).

O desemprego volve a medrar máis en Galicia que no estado: a suba de 6.355 persoas supón un incremento do 2,95 % fonte ao 2,01 % da media estatal. A suba é máis acusada nos homes (3.960 parados máis fronte a 2.395 paradas máis) e, segundo a idade, hai 227 persoas paradas máis menores de 25 anos (un 2,05 %) e 6.128 máis maiores desa idade (un 2,99 %).

O paro rexistrado baixa no colectivo sen emprego anterior (324 persoas menos) e na construción (97 menos). Nos restantes sectores sobe: 5.278 persoas paradas máis nos servizos, 1.165 na agricultura e 333 na industria.

Na comparación anual hai 21.952 persoas menos desempregadas (−9,00 %). En relación co mes de outubro de 2014, o paro rexistrado baixa máis nos homes ca nas mulleres (13.503 parados menos fronte a 8.449 paradas menos); de feito, a baixada do desemprego por sectores é xeneralizada pero, en proporción, é máis intensa nos máis masculinizados: a construción (−17,91 %) e a industria (−16,81 %).

 

Análise da contratación

A contratación está marcada pola temporalidade: no mes de outubro rexistráronse 71.774 contratos temporais nas oficinas dos servizos públicos de emprego (o 92,03 % do total) e só 6.217 indefinidos (o 7,97  % do total). Este mes rexistráronse 9.562 contratos menos (9.682 temporais menos e 120 indefinidos máis). En comparación co mes de outubro de 2014, rexistráronse 180 contratos menos (366 indefinidos menos fronte a 186 temporais máis).

 

Afiliación á seguridade social

A afiliación á seguridade social evoluciona peor en Galicia ca na media estatal, tanto na comparación mensual como na anual. En outubro pérdense 6.266 empregos en Galicia, un descenso da afiliación do 0,65 %; pola contra, na media estatal practicamente se mantén, dáse un mínimo incremento do 0,18 %. Así pois, a afiliación á seguridade social en Galicia continúa por baixo do millón de persoas, exactamente 951.206. A evolución por réximes foi como segue: 5.692 afiliacións menos no réxime xeral, 514 menos no de autónomos e 60 menos no do mar.

 

Prestacións por desemprego

No mes de setembro de 2015 había 103.448 persoas a cobraren unha prestación por desemprego: 49.150 percibían un subsidio por desemprego, 41.169 contributivas, 12.013 a renda activa de inserción e 1.116 correspondían ao programa de activación de emprego. Son 18.882 persoas beneficiadas menos ca hai un ano, e a situación agrávase porque hai máis persoas percibindo un subsidio por desemprego que unha prestación contributiva.

A cobertura do sistema de protección por desemprego durante o mes de setembro de 2015 foi do 52,46 %, mentres que un ano antes era do 56,22 %. Polo tanto, en Galicia hai unhas 94.000 persoas paradas que teñen experiencia laboral mais non cobran prestacións por desemprego.

Hemeroteca