01:51 h. Sábado, 25 de Noviembre de 2017

Stadio Sport

Aprobado o Plan de Banda Larga de Galicia 2020 co fin de que todos os galegos teñan acceso equitativo a redes ultrarrápidas de telecomunicacións

O titular da Xunta lembra que da situación que había a principios de 2009, con máis de 786.000 galegos sen acceso a Internet, pasouse a que a práctica totalidade dos cidadáns, dos servizos públicos e os parques empresariais de Galicia conten con acceso de polo menos 2 megas de velocidade. Engade que hoxe en día o 50% da poboación ten acceso a redes con velocidades de ata 200 megas e indica que se reforzaron e ampliaron as infraestruturas do operador público Retegal

Stadio Sport  |  01 de Octubre de 2015 (16:16 h.)
Más acciones:

 

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou este xoves que o Consello aprobou o Plan de Banda Larga de Galicia 2020 para que os galegos teñan acceso equitativo a redes ultrarrápidas de telecomunicacións, capaces de proporcionar servizos de entre 30 e 100 megas. Segundo engadiu, trátase de garantir aos cidadáns, emprendedores e administracións os servizos máis avanzados que permiten as tecnoloxías.

O titular da Xunta explicou que continuar mellorando as condicións de acceso dos galegos á banda larga é un dos máis importantes compromisos do Goberno autonómico no eido das tecnoloxías. Así, despois do esforzo histórico realizado para estender a banda larga ao conxunto dos galegos, agora búscase ir máis alá porque, segundo Feijóo, ese compromiso non só pode medirse na cantidade de persoas que teñen acceso a banda larga, senón tamén na calidade dese acceso.

 

O balance da banda larga en Galicia ata agora

Para o presidente do Goberno galego, os últimos anos foron fundamentais para dar un salto cualitativo importante no que atinxe á cantidade de galegos con acceso a banda larga. De feito, da situación que había a principios de 2009, con máis de 786.000 galegos sen acceso a Internet, pasouse a que a práctica totalidade dos galegos, dos servizos públicos e os parques empresariais de Galicia conten con acceso de polo menos 2 megas de velocidade a través de redes fixas, sen fíos ou vía satélite.

Así mesmo, o 50% da poboación ten acceso a redes con velocidades de ata 200 megas e reforzáronse e ampliáronse as infraestruturas do operador público Retegal, que terán un papel chave para implementar e axilizar os novos despregamentos.

Ditas actuacións permitiron un incremento dun 51% dos fogares galegos con conexión a Internet; que o 70% dos fogares dispoñan deste servizo fronte ao 46% do ano 2010; que nos últimos catro anos Galicia reducise a fenda en contratación de Internet en máis de 8 puntos coa media estatal e en preto de 7 puntos coa media europea; que todos os núcleos de máis de 10.000 habitantes superen a media galega de contratación a Internet e os de máis 50.000 sitúanse por riba da media estatal; e que Galicia sexa a terceira comunidade en incremento do uso regular de Internet.

 

A folla de ruta a partir de agora

Feijóo puxo en valor así o traballo dos últimos cinco anos pero fixo fincapé na importancia de seguir traballando para garantir a máxima calidade do acceso á banda larga, algo que garantirá o Plan aprobado hoxe, a través do cal se asumen os compromisos de dar cobertura de banda larga de cando menos 30 megas para a práctica totalidade da poboación, así como servizos de banda larga por riba dos 100 megas para os núcleos de poboación de máis de 500 habitantes, ou o que é o mesmo, para o 60% dos galegos.

Para acadar estes obxectivos, como sinalou o titular da Xunta, o Plan de Banda Larga 2020 fixa un investimento concreto e tres itinerarios de actuación claros. En canto ao investimento, a previsión é destinar 100 millóns de euros nos próximos cinco anos, resultado de sumar, por unha banda, 46 millóns entre financiamento público e privado ao abeiro deste Plan aprobado hoxe e, por outro lado, 44 millóns de euros previstos polo Estado para Galicia, dentro do programa Programa de Extensión da Banda Larga de Nova Xeración, xunto co investimento privado inducido por esta actuación.

Ditos recursos destinaranse a tres itinerarios de actuación: promover o acceso á banda larga de alta velocidade para todos os galegos, garantir un entorno favorable para axilizar a extensión de infraestruturas e favorecer a demanda de servizos de banda larga.

En canto ao primeiro obxectivo, o titular da Xunta sinalou o fin de desenvolver accións que permitan ampliar as infraestruturas de redes ultrarrápidas. Así, a principios de 2016 abrirase a primeira convocatoria pública para incentivar os despregamentos de redes de 100 megas.

O primeiro obxectivo é que en 2020 dispoñan deste servizo todos os núcleos de máis de 500 habitantes, o 60% da poboación da Comunidade. En calquera caso, tratarase de adiantar ao máximo posible este obxectivo para que xa en 2017 case o 51% da poboación teña acceso a estas redes.

En segundo lugar, o Plan dotará tamén de redes ultrarrápidas destas velocidades ao 55% dos polígonos e parques empresariais (un total de 91), o que supón case o 90% da superficie empresarial ocupada en Áreas Empresariais de Galicia.

Segundo informou Feijóo, a seguinte convocatoria estará destinada aos despregamentos de redes de 30 megas para conseguir que a práctica totalidade da poboación (96%) e todos os polígonos e parques empresariais dispoñan desta cobertura de banda larga ultrarrápida. Para o 4% restante, a porcentaxe de poboación das zonas máis illadas da Comunidade, executaranse medidas de apoio para que poidan acceder vía satélite.

En relación ao segundo itinerario de actuación, o titular da Xunta precisou que abarca o desenvolvemento de actuacións que faciliten a coordinación dos axentes implicados para garantir unha rápida e ampla extensión de redes de banda larga de alta velocidade.

Neste senso, entre as actuacións previstas están a definición dun modelo de ordenanza municipal de telecomunicacións que promova a homoxeneidade e simplificación dos trámites necesarios nos despregamentos; a elaboración dunha serie de recomendacións comúns para a inclusión das infraestruturas de banda larga nos instrumentos de planeamento urbanístico; así como a posta a colaboración co resto de administracións públicas para a identificación centralizada das infraestruturas útiles para os despregamentos de redes.

En canto ao terceiro itinerario, a Xunta tamén se propón estimular a demanda de servizos de banda larga incrementando así o número de usuarios conectados á Rede.

Deste xeito, en aliñamento coa estratexia de inclusión dixital, impartiranse cursos formativos específicos para aumentar a capacitación dixital da cidadanía e empresas e, á súa vez, continuaranse a desenvolver actuacións de sensibilización e difusión sobre a utilidade dos servizos de banda larga.