00:00 h. viernes, 19 de abril de 2024

Anova, Esquerda Unida e Podemos Galicia presentan o preacordo político para construír un espazo de cambio e ruptura democrática

Stadio Sport  |  03 de octubre de 2015 (02:00 h.)

O texto afonda na unidade popular, política, social e cidadá para iniciar en Galicia un proceso de confluencia para unha candidatura cara as vindeiras Eleccións Xerais

 

Anova, Esquerda Unida e Podemos Galicia presentaron este venres, na praza de Mazarelos de Santiago, o documento de preacordo político para construír en Galicia un espazo de cambio e ruptura democrática, nun acto no que interviñeron Xosé Manuel Beiras, voceiro nacional de Anova; Yolanda Díaz, coordinadora nacional de Esquerda Unida; e Breogán Riobóo, secretario xeral de Podemos Galicia.

O acto, que contou coa presenza de representantes de Marea.gal, Compostela Aberta, Ferrol en Común e Marea Atlántica, constitúe un paso máis na unidade popular, política, social e cidadá na que afonda o texto, para iniciar un proceso en Galicia de confluencia para unha candidatura cara as vindeiras Eleccións Xerais.

O preacordo encádrase no desenvolvemento dun espazo aberto, amplo, plural e de acumulación de forzas, para devolver as institucións á cidadanía do común, tomando como un punto de referencia clave os procesos de confluencia que mudaron o panorama municipal o 24 de maio.

 

Encadre cidadán e participativo

O documento ten unha vocación aberta e inclusiva aos actores políticos, sociais e cidadáns, para conformar un proxecto de unidade popular que transforme a maioría social de cambio nunha maioría política, para poñer as institucións ao servizo da cidadanía cun encadre participativo, onde a xustiza social e a igualdade sexan o obxectivo.

No texto sinálanse puntos de acordo referentes aos dereitos sociais e políticos, para responder a unha situación de emerxencia social e desigualdade, cunha maioría social golpeada polas políticas de austeridade neoliberal. Sublíñase a defensa dos bens comúns e o rescate da democracia, impulsando unha participación aberta a todos os niveis, para un novo modelo de relación entre as institucións e a cidadanía.

Os procesos constituíntes, a soberanía e o dereito a decidir constitúen outro dos aspectos  do documento, desde a consciencia colectiva de Galicia como nación e da cidadanía galega como suxeito político. Recóllese tamén a articulación dun proceso participativo que constitúa unha ferramenta en mans da cidadanía.

No encaixe xurídico e político, o espazo social e político, sustentado pola cidadanía galega, operará en consecuencia co principio do pobo galego como suxeito político soberano para todos os efectos e todos os planos.

O fundamento da igualdade desde a perspectiva de xénero e o establecemento de mecanismos de rendición de contas, concretan outros trazos.

Hemeroteca