00:05 h. Viernes, 22 de Septiembre de 2017

Stadio Sport

478.000 persoas vacináronse contra a gripe durante a campaña organizada pola Consellería de Sanidade

Na poboación á que vai dirixida a campaña a cobertura aumentou 2 puntos con respecto ao ano pasado, e nos profesionais sanitarios incrementouse 4,6 puntos. As persoas que desexen vacinarse aínda poden facelo en máis de 900 centros

Stadio Sport  |  30 de Diciembre de 2015 (17:15 h.)
Más acciones:

 

Un total de 478.621 persoas vacináronse contra a gripe durante as nove semanas que durou a campaña organizada pola Consellería de Sanidade. Delas, 351.700 son persoas de 65 ou máis anos, colectivo especialmente vulnerable e no que os beneficios desta vacinación son moi salientables. A cobertura acadada neste grupo foi este ano dun 54,27%, o que supón un aumento de 2 puntos con respecto ao pasado ano.

Así mesmo, vacináronse 6.625 profesionais sanitarios, dos que 4.469 son médicos e persoal de enfermería do sistema público de Galicia, o que supón unha cobertura nestas categorías do 22,9%, é dicir, un incremento de 4,63 puntos con respecto a 2014.

Cómpre sinalar que, pese a ter rematado a campaña, as persoas que desexen vacinarse aínda poden facelo nos máis de 900 puntos de vacinación que hai en Galicia, entre os que se atopan centros de saúde e consultorios, centros hospitalarios públicos, hospitais, centros médicos e consultas médicas privados, residencias e centros para a terceira idade de titularidade pública ou privada, unidades asistenciais de drogodependencias, centros penitenciarios e centros de atención a discapacitados.

O obxectivo xeral desta iniciativa é minimizar o impacto da gripe na saúde mediante a súa prevención tentando diminuír o número e gravidade das complicacións derivadas de padecela.

Non se pode esquecer que as vacinas antigripais son moi seguras e as reaccións que poden producir adoitan ser lixeiras e pasaxeiras. A súa composición revísase todos os anos, e nesta campaña utilizouse unha vacina trivalente de virus inactivados que entre as súas cepas análogas inclúe a do virus A(H1N1), un dos que máis circulan dende a pandemia da temporada 2009-2010.