23:57 h. Miércoles, 22 de Noviembre de 2017

Stadio Sport

Mavi Vieira dirixirá Ártabras Fene Fsf na competición provincial

Tras a marcha de Pili Costa, será a fenesa a encargada de sentarse no banco

Stadio Sport  |  02 de Septiembre de 2015 (00:00 h.)
Más acciones:

 

María Vieira Rivera "Mavi", volve á primeira liña dos bancos ao facerse cargo do equipo de fútbol sala feminino Ártabras Fene Fsf que actualmente compite en liga Sénior Provincial da Coruña, sendo este o seu segundo ano na competición e na súa propia historia como club.

Mavi Vieira é unha vella coñecida no mundo do fútbol sala, xa que foi xogadora e adestradora de diversos equipos da bisbarra. Trátase dunha adestradora en formación, actualmente dispón da titulación necesaria para dirixir un equipo na liga Provincial feminina pero disponse a ampliar a súa formación co Nivel I de Adestradora de Fútbol Sala que está previsto que comece en Outubro.

É de destacar a súa experiencia como xogadora, durante esta etapa formou parte de equipos como o Meirás FSF, Comarcal A Fervenza, SAFA da Coruña, Puntal de Neda e Drácena de Melilla. Na súa época militando nas filas do Meirás (actual Valdetires) conseguiu vestir a camiseta da selección española. A selección galega tampouco se lle resistiu á xogadora fenesa, cores que defendeu en multitude de ocasións alcanzando con ela varios campionatos de España.

Os seus primeiros pasos como adestradora deunos alá pola tempada 1995-1996 no club hoxe desaparecido SCRD O Puntal de Neda, dirixindo o seu equipo sénior en competición local feminina. Dende entón ata o día de hoxe, pasou polas categorías base do Meirás FSF, e do Comarcal A Fervenza. As súas aventuras nos últimos anos estiveron moi vinculadas á figura de Pili Costa con quen compartiu banco do Comarcal A Fervenza en Segundo Nacional, durante a tempada 2012-2013 (como segunda adestradora) así como a tempada pasada, co propio Ártabras Fene desempeñando a mesma función a carón da hoxe adestradora do Viaxes Amarelle. Mavi Vieira compaxinará este ano o seu traballo fronte a Ártabras co seu labor na Escola de Futbol Sala do Parrulo, onde veu encargándose da preparación de equipos de base: prebenxamín, chupetes e biberóns.

A directiva do club Ártabras Fene decidiu que a persoa idónea para sentarse no banco do primeiro equipo é Mavi, xa que manterá unha forte liña de colaboración con Pili Costa, garantindo así manter o carácter e estilo que caracterizou o Ártabras Fene Fsf durante a tempada pasada.

Mavi Vieira estará acompañada esta tempada nos adestramentos pola propia Pili Costa, cando os seus compromisos llo permitan. O encargado da preparación física será de novo Ander Muñoz Vitoria, de Mugiment, quen xa colaborou co club a tempada pasada.

A nova adestradora terá o próximo mércores 2 de setembro a súa primeira toma de contacto coas xogadoras como adestradora principal. A pretempada de Ártabras  desenvolverase durante o mes de setembro e constará de 3 sesións semanais que se desenvolverán no Pavillón Polideportivo da Xunqueira de San Valentín e nos seus arredores, os luns, mércores e venres. Durante este mes terá vital importancia a preparación física de cara a afrontar a tempada sen moito risco de lesión.