00:01 h. jueves, 25 de abril de 2024

Fútbol Feminino no Cadaval

Stadio Sport  |  28 de julio de 2014 (03:00 h.)
futbol femenino naron

O día 15 de agosto, a partir das 17,00 horas, o campo do Cadaval, en Narón, vivirá unha emotiva xornada dedicada ao fútbol feminino

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Na mesma vaise celebrar unha homenaxe ao histórico Chorima naronés e, posteriormente, terá lugar un partido entre os equipos da Segunda División española, Friol e Sárdoma, que disputarán o I Trofeo Irene González, nome que lembra á primeira futbolista na historia do fútbol galego.

Os actos son organizados pola Revista do Fútbol Feminino Galego en colaboración co Narón Balompé  Piñeiros. A entrada será gratuíta.

 

Homenaxe ao Chorima

A primeira parte dos actos terá como centro unha homenaxe ás pioneiras do fútbol feminino federado en Ferrolterra: Club de Fútbol Feminino Chorima.

O cadro de Santa Icía, que xogaba os seus partidos no campo de La Solana, participou entre os anos 1983/84 e 1985/1986 nas Ligas Galegas que, unha campaña antes da súa fundación, na 1982/83, comezaron a celebrarse baixo a tutela da FGF.

Na homenaxe, ademáis de recibir unha placa conmemorativa tras 31 anos de total esquecemento, as xogadoras que no seu día se enfrontaran en partidos oficiais a equipos como o Karbo ou o Celta de Vigo, poderán volver vestirse de curto para disputar un partido de fútbol 8 contra o Narón feminino.

Na cantina do campo do Cadaval estarán expostas, en dous paneis, fotografías daquela época, que poderán ser visionadas polos asistentes ao longo da xornada.

Pilar Neira, seleccionadora galega e antiga rival das naronesas en equipos como o devandito Karbo, o Maravillas ou o Brigantium, confirmou a súa presenza no acto.

 

I Trofeo Irene González

A partir das 18,30 comezará o partido entre dous dos equipos máis importantes no panorama futbolístico galego, o Friol, segundo clasificado, por detrás de El Olivo, na pasada temporada, e o Sárdoma vigués, o cadro máis reforzado nesta temporada e un dos candidatos a meterse na fase de ascenso á Primeira División ao remate da mesma. É a primeira vez que a comarca de Ferrol recibe un partido feminino deste nivel pois nunca acolleu partidos nos que participaran dous equipos de categoría estatal.

O gañador recibirá a copa de cristal que representa o I Trofeo Irene González. Un nome tamén cargado de historia pois lembra á porteira herculina que, na década dos vinte do pasado século, liderou un equipo ao que lle puxeron o seu nome, Irene F.C., que acabou sendo contratado, pola sona da gardarredes que xogaba cos homes, para celebrar partidos por toda Galicia.

Hemeroteca