00:00 h. viernes, 29 de marzo de 2024

Compromiso atopa en Europa unha vía contra a discriminación laboral no fútbol feminino

Stadio Sport  |  27 de marzo de 2015 (16:31 h.)
futbol femenino

A Comisión Europea fai referencia á directiva 2006/54/CE sobre condicións de traballo. Considera que ningunha regulación europea pode ser contraria aos preceptos contra a discriminación laboral por razón de sexo que se contén na carta Europea de dereitos fundamentais e na Directiva de 2006 que regula as condicións básicas de traballo da cidadanía europea.  As apreciacións da Comisión obrigan a repensar o tratamento contratual que actualmente se aplica ás futbolistas profesionais no Estado español

 

Compromiso por Galicia vén de recibir resposta escrita á pregunta presentada  o pasado mes de decembro a través da eurodeputada Izaskun Bilbao, onde se daba conta da discriminación sexista existente no fútbol feminino do Estado español, onde as mulleres futbolistas, segundo o representante de Compromiso no Parlamento europeo, Paulo Carlos López, “formalmente están discriminadas ao non poder seren profesionais e as súas retribucións e estatuto profesional depende da vontade dos clubes que as contratan”. A pregunta,  realizada a instancias e tralos informes presentados por Mulleres Deportistas Galegas (MUDEGA), refírese ao artigo 24 do Real Decreto que no ano 1991 regulou a creación de Federacións Deportivas en España, que incorpora unha previsión para que só se poida organizar unha competición profesional deportiva por especialidade e sexo.

Neste sentido, a Comisión Europea, “nunha resposta que senta precedente”, en palabras de López, “recoñece a discriminación das mulleres futbolistas” e “de xeito claro”, abre as vías para a reclamación dos dereitos das profesionais do fútbol español en base ao artigo 21 da Carta dos Dereitos Fundamentais da UE, “que prohibe toda discriminación por motivos de sexo” e a directiva 2006/54/CE sobre condicións de traballo. En palabra do galeguista, “censura taxantemente toda discriminación directa ou indirecta por razón de sexo”.

As retribucións e estatuto laboral das mulleres futbolistas depende da vontade dos clubes, “que lles pagan irregularmente, ou noutro dos casos, contratan en conceptos diversos que non gardan relación coa súa profesión de futbolistas”, indica López. O galeguista di que isto implica a “total e absoluta desprotección”, en ámbito tales como o cumprimento das cláusulas contratuais, o dereito a baixas laborais remuneradas por lesión ou enfermidade; a cobertura en caso de incapacidade laboral; o dereito a percibir subsidio por desemprego ou as baixas por maternidade. De feito, indica o representante de Compromiso, “as remuneracións alegais que perciben farán que ao final das súas carreiras deportivas non cotizaran á Seguridade Social tras anos de adicación exclusiva ao fútbol”.

Para Paulo Carlos López, “agora toca a reclamación individual sobre esta base xurídica, nos casos de discriminación comprobada e recorrer a non inscrición de contratos profesionais femininos”, mais tamén, “tócalles ás institucións modificar o lexislado neste ámbito, adaptarnos ao marco europeo e permitir o acceso das mulleres futbolistas ás garantías laborais equivalentes á dos seus compañeiros varóns sen que estas teñen que reclamar unha a unha a súa situación”.

Hemeroteca