07:09 h. Sábado, 23 de Junio de 2018

Stadio Sport

Xabier Gonzalez: “A sociedade está cansa de parvos útiles que se presentan como idóneos para representala"

Stadio Sport  |  18 de Diciembre de 2015 (17:42 h.)
Más acciones:

Último día de campaña...

Desta si, pero o 21-D empeza a seguinte e non menos importante: consolidar xunto a quen queira consolidala a marca política NÓS como unha opción exclusivamente Galega, e por tanto non dependente, que ten por obxectivo ser a forza hexemónica que goberne Galicia, tanto a nivel de Xunta como nos Concellos e outras institucións, os próximos anos. Acabouse o tempo de que Galiza estea na oposición, toca que decida ser goberno e actúe como tal na defensa dos seus intereses e dos da súa cidadanía.

Empecemos cunha pregunta de libro: ¿Por que cre que o 20-D debería votarse por NÓS Candidatura Galega?

Por moitos motivos, o principal é que non é o mesmo ser que estar; Galicia é pero a súa voz propia e o voto non dependente a favor dos seus intereses non están representados como debesen en Madrid. Porque é distinto conformarse coas migallas  que reclamar o que é noso; que non é o mesmo ir a Madrid para levantar o dedo que estar en Madrid sabendo que a nosa voz e o noso voto non se venden...

Esa letra asinaríaa Alejandro Sanz...

Pois mira por onde, seguro que si; e posiblemente podería achegar parágrafos como o de que saibas que hai xente que trata de confundirnos, pero NÓS temos corazón que non é igual, que é distinto!!...

Nun panorama mediático de forzas emerxentes enfrontadas a forzas tradicionais, ¿cómo foi esta campaña para NÓS?

 A NÓS negóuselle cota de pantalla porque ao sistema e ao Estado interésalle que o poder siga estando en Madrid e, cada catro anos, saír en caravana electoral co teatrillo de monicreques de xira por provincias.  Para os estrategas e lectores fácticos, a foto política ideal para España é a que poñen en pantalla para convencer á cidadanía que todo o demais é marxinal e non merece a pena. Un “Gran Hermano” político en idioma castellano, ao que só lle falta incluír a Belén Estéban como Presidenta dun goberno de concentración que resuma toda a súa ideoloxía e programa na frase “Por España matoooo”. E é posible que idioticen a unha parte significativa da sociedade e obteñan o respaldo para seguir, máis ou menos disimuladamente, co seu cleptodemocracia.

Cleptodemocracia?

Si, mantendo un poder baseado no roubo de capital e do poder adquisitivo aos menos favorecidos para concentralo nos que máis teñen e menos necesitan; mediante a institucionalización da corrupción e o peculado, ou malversación de caudais e recursos públicos, de forma que esas accións delituosas e antisociais queden impunes.

As forzas emerxentes din que o seu obxectivo é acabar con esa situación...

Non hai forzas emerxentes como tales, iso é un invento tertuliano auspiciado polos poderes fácticos. O corpus é o mesmo pero con distintas caretas para ver se así os electores morden o cebo. Nin Podemos nin Cidadáns, que son partidos que se esforzan en non dicir nada pero que pareza que o din todo, son outra cousa que oportunistas... cactus disfrazados de alhelíes... pero, ¡ollo!, que quen lles vote -a eles ou ao bipartidismo avinagrado e decadente- sexa consciente de que quen se traga un cactus con espiñas non debe queixarse, nos tempos seguintes ao 20-D, de seguir tendo as mesmas, ou peores, dolorosas hemorroides que vén padecendo desde hai moito tempo. 

¿Estamos a vivir o momento do cambio?

Sí e non, estamos a vivir un momento lóxico. Nos últimos 75 anos de historia deste País, podería dicirse que 38 foron de Franquismo e 37 de Transición Democrática... Estamos a abrir as portas a unha nova etapa que necesita facer nacer e ver medrar novas mensaxes e xeitos que conecten coa poboación e que concilien, eficazmente, as inquedanzas dás xeracións emerxentes -situadas non arco de 18 a 37 anos- con aquelas que foron artífices de todo ou camiño percorrido ata chegar "aquí".

Pero hai que facelo con sentidiño. Camiña por corredoiras perigosas quen cre que a colisión xeracional é o estado natural dás cousas, que o normal é atender as necesidades dás xeracións menores de 30 anos á conta dás xeracións maiores de 40 anos, que todo o novo é "novo" e, polo mesmo, mellor...

¿Que cre que, agora mesmo, pide a sociedade?

A sociedade está cansa de parvos útiles que se presentan como idóneos para representala; políticos ou candidatos e candidatas invertebrados que, ao carecer columna vertebral -discursiva, intelectual e ideolóxica- propia, dependen dun exoesqueleto artificial de márketing político, dogmas e consignas partidarias sen o que, con toda seguridade, non se manterían en pé nin para terminar o primeiro asalto dun debate. Eles e elas non son un produto ético e racional de si mesmos, senón unha consecuencia das circunstancias; políticos temporeros, elixidos a dedo e premiando o servilismo,  aos que só se ve  cando hai que colleitar votos para levalos alí onde conveña a uns poucos.  A máxima expresión da filosofía de poña un papagaio en campaña e, se sae elixido, terá un dedo sumiso que apertará o botón sen cuestionarse absolutamente nada e cun único obxectivo: manterse todo o tempo que poida naquela situación ou ubicación político-profesional que lle resulte máis privilexiada. 

¿Cal considera que é a mellor opción para superar a  situación actual?

A de independizarnos individual e colectivamente das campañas de márketing, recuperar a opinión e o dereito para exercela. Que, en cada fogar, os electores -sexan traballadores por conta allea, autónomos, comerciantes ou pequenos e medianos empresarios- renuncien ás preguntas á carta que lle propoñen desde os medios e empecen a preguntarse ¿por que non hai traballo para quen quere traballar?, ¿por que soportamos unha sanidade pública orientada a conceptos de beneficencia e na que as colas en urxencias ou as citas a meses vista son en si mesmas un tratamento xenocida?, ¿por que cada vez pagan máis impostos directos e indirectos quen gaña menos?, ¿por que os salarios en euros só chegan para comprar a metade dos artigos de primeira necesidade dos que compraban cando pagaban en pesetas?, ¿por que se estafa con publicidade institucional enganosa aos parados que queren converterse en emprendedores, prometéndolles algo que logo só dan a un 5% dos que reúnen os requisitos esixidos?, ¿por que hai diñeiro para comprar armas e  helicópteros ou coches que poñan multas e non o hai para comprar helicópteros sanitarios, ambulancias ou mellorar a educación pública?, e así os miles de ¿por qué...? que se ocultan mediáticamente e para aos que lle falta resposta. 

¿E que propón como alternativa?

Pois que como o 20-D son datas do Nadal, os Galegos e Galegas “feliciten” axeitadamente a Populares e Socialistas, sen esquecerse de facer o mesmo cos  Cidadáns  que chegan a Galicia en paracaídas ou aos que o fan subidos a unha táboa de surf e aproveitando o fenómeno atlántico das inestables mareas. 

¿Cal sería a “postal” que recomenda que Galegos e Galegas envíenlles a través das urnas?

A de NÓS Candidatura Galega, así de simple e así de contundente. Unha felicitación do Nadal con mensaxe e transcendencia, pacífica pero á vez rotunda, solvente, sustentable e inequívoca. Unha clara advertencia de que, por moito que a Galegos e Galegas queiran facernos as beiras ou as “riveras”, ou veñan os apóstolos  Pablo e Pedro coas suas cartas a Corintios e Tesalonicenses, Galiza non se entrega, non se vende, é doa do seu destiño e NÓS levará a Madrí a voz e os dedos autenticamente  Galegos, ises que non premen botóns como vasalos ou mandados porque saben quenes son e a quen representan.

Falemos de cómo son estas eleccións en Ourense...

Temos unha poboación na que o 23% ten entre 18 e 37 anos, o 44% entre 38 e 65, o 33% máis de 65 anos... Cunha segmentación poboacional como a de Ourense, o poñer puntos sobre íes determinadas, recolocando nun segundo ou terceiro plano as demais vogais e consonantes, entraña os seus riscos e responsabilidades de que a factura termine sendo dificilmente asumible. 

Na medida das posibilidades e da "exposición pública" de cada candidato, confío moito que NÓS teñamos sido exemplares lectores da situación da nosa rexión Ourensá; de que tanto as como os Ourensáns de tódalas idades e situacións teñan visto en NÓS Candidatura Galega unha mensaxe interxeracional e interclasista forte, sólida e sostible. O 20-D, NÓS, o conxunto dos e das Ourensáns, somos moito máis don@s do noso destiño do que outr@s pensan.

Finalmente, defínase como Senador in péctore...

Son un soñador práctico e colectivo; adoito soñar soños con outros e outras que, coma min, están convencidos do que queren e vense capaces de facelo realidade. Non me asustaría asumir a responsabilidade. Hai xeitos e xeitos de formar parte dun todo; eu escollín o de formar parte activa dun NÓS de afáns coleitivos sen renunciar nin a miña persoalidade nin a manter a individualidade –intelectual e vital- que lexitimamente teño, con tódolos deberes e dereitos que elo conleva.

Fixen unha campaña de proximidade, con criterio e franqueza, co mesmo discurso e mensaxes en positivo que me leva acompañado nestes últimos corenta anos de activismo Pangaleguista, orguloso do País e da Identidade que me acolle no seu berce; reivindicando que somos un país capaz, con recursos e capacidades para saír adiante, que o único que necesita é ter voz propia e decidir por NÓS mesm@s. E, dito sexa de paso,  non vou deixar de fumar nin de decir que son fumador activo e bebedor pasivo, máis que nada porque é unha verdade incuestionable que fumo e que non probo pinga de alcohol.