00:06 h. viernes, 19 de abril de 2024

A renovación do nacionalismo

X. Manuel Suárez  |  18 de diciembre de 2015 (19:55 h.)
ManuelSuárez

O nacionalismo que quere sobrevivir tén que se ceibar de dogmatismos, porque unha cousa é a moi respetable coerencia cos principios propios e outra é a incapacidade pra abrir os ollos a novas perspetivas, novas mensaxes, novas lingoaxes, nova estética, nova liturxia, novos horizontes.

Todo movemento que quere seguir vivo tén que renovarse con frecuencia, e o nacionalismo galego debe facelo se quere seguir sendo un referente eficaz prá nación á que se debe, e máis nun momento no que se albiscan importantes cambeos na relación do estado cas nacións históricas.

Nesta campaña tiven oportunidades de coñecer a xente moi interesante; confeso que, pola miña profesión, me gosta máis escoitar ca falar, e por eso disfroitei moito nas charlas antes e despois dos mítins. Nunha delas, coñecín a un vello militante dun partido nacionalista; síntome ideolóxicamente lonxe dos postulados dese partido, pero sempre respetei moito a entrega persoal dos seus militantes, o seu compromiso increbantable ca loita polo que cren.

Nas súas palabras e nos seus ollos cansos albiscaba o peso de anos padricando a unha poboación que pouco lle leva escoitado. Faloume así do autoodio da nosa xente, da autoentrega nas mans dos que lle zugan o sangue, da súa renuncia ao orgulo propio. E funlle dando a razón, porque é unha análise certa, pero chegado un intre pareino e reteino:

–Tés toda a razón no que dis, pero ti i eu non temos que conformarnos con queixarnos do suicidio político do noso pobo; a nosa responsabilidade non é conformarnos con dicir “Nós temos razón i eles están equivocados”; a nosa responsabilidade é decidir qué podemos facer ti i eu pra cambear esa situación.

Parouse, miroume como se ninguén lle dixese eso en anos e asinteu, pero logo non pudo evitar seguir queixándose –e con toda a razón– da renuncia ao propio de amplos setores da sociedade; doeume ver o seu escepticismo cara boa parte do noso abano social, e preocupoume comprobar o seu vencello dependente da esquerda ortodoxa; teño todo o respeto por ela, e teño moito que criticar do resto da sociedade galega, pero o nacionalismo que se quere renovar debe desvencellarse desa dependencia indisoluble i escluínte; por esa dependencia unívoca e dogmática dese nacionalismo diante da esquerda, Anova vai acabar engulida en Podemos. O nacionalismo tén que se renovar oferecendo un proxeuto de país, non unha receita de consumo interno pra os “bos”.

O nacionalismo que quere sobrevivir tén que se ceibar de dogmatismos, porque unha cousa é a moi respetable coerencia cos principios propios e outra é a incapacidade pra abrir os ollos a novas perspetivas, novas mensaxes, novas lingoaxes, nova estética, nova liturxia, novos horizontes; hai que estreverse a sair dos coutos da “ortodoxia” i escomenzar a darlle a palabra e a presenza aos disidentes.

Ao constituir “Nós, Candidatura Galega”, o nacionalismo tén encetado ese camiño, nunha aposta de risco, pero certeira; hai que ver cómo se está a percorrer, pero non hai dúbida de que supón unha vontade de inflesión no camiño da apertura, unha apertura que debe levar ao recoñecemento da diversidade e á identificación de fondos valores compartidos, que debe conducir á entrada de aire fresco.

Pase o que pase nestas elecións, o intre que vivimos é un reto pra o nacionalismo. Non caiamos na tentación de acubillarnos na autosatisfación e dicir “Nó-nos entenden, non”. Asumamos con visión e con xenio o reto da renovación. O Partido Galeguista, dende a fraternidade cos demais partidos nacionais, está disposto a tomar a iniciativa nesa renovación.

 

X. Manuel Suárez

Presidente do Partido Galeguista

Hemeroteca