06:31 h. Martes, 21 de Noviembre de 2017

Stadio Sport

Carlos Callón: "Negar o feminicidio como pretende Ciudadanos é propio de cavernícolas"

NÓS-Candidatura Galega propón xulgados e avogad@s de oficio específicos, incluír feminicidio na lexislación, e desvincular as axudas da denuncia pena

Stadio Sport  |  11 de Diciembre de 2015 (01:02 h.)
Más acciones:

O cabeza de lista de NÓS-Candidatura Galega pola Coruña, Carlos Callón, criticou a Ciudadanos por cuestionar que a existencia do feminicidio e por propoñer no seu programa electoral a supresión da agravante penal por violencia machista alegando unha suposta discriminación lexislativa coa poboación masculina.

“Causa estupor escoitar a responsables políticos de Ciudadanos dicir que as estatísticas non demostran que as mulleres sofran máis violencia de xénero cos varóns, forzas políticas que teñen a inmoralidade de negar que as mulleres son asasinadas polo simplemente xeito de ser elas. Negar que existe o feminicidio é propio de cavernícolas”, denunciou Callón nun acto organizado por mulleres na Coruña, onde explicou as propostas en materia de igualdade e de loita contra a violencia de xénero da súa candidatura.

Por contra, “desde NÓS-Candidatura Galega dicimos que a loita contra o terrorismo machista, -que se levou por diante a 55 mulleres no que vai de ano-, ten que ser unha prioridade política, unha prioridade de Estado, porque non abonda coas condenas rituais e os minutos de silencio”, indicou Callón nun encontro no que tamén participaron as candidatas Isabel Risco e Cristina Bajo.

Callón citou a Luther King para recalcar que tamén é preciso a implicación de toda a sociedade: “Non me preocupa o grito dos violentos, o que me preocupa é o silencio das boas persoas do común”, parafraseou. “Temos a obriga de derrotar ao terrorismo machista desde os poderes públicos, pero tamén desde a sociedade, con tolerancia cero contra calquera fórmula de discriminación o maltrato de xénero”.

O candidato de NÓS enumerou as principais propostas programáticas para o 20D. Entre elas, mudar a lexislación para que inclúa o termo feminicidio que evite reducir a violencia de xénero ao ámbito domestico. En paralelo, elaborar o estatuto da vítima de violencia machista que recolla dereitos e medidas de protección.

En relación aos medios materiais, xulgados específicos para atender ás vítimas das agresións de xénero e, ao mesmo tempo, desenvolver un corpo de avogados e avogadas de oficio especializadas nesta materia. Dotación inmediatamente de medios e persoal especializado nos corpos policiais, “as 24 horas do día e os 365 días do ano, porque a violencia machista non ten horario”, alegou.
Discriminación laboral
No ámbito das axudas directas ás vítimas, desligar a súa percepción da existencia previa dunha denuncia persoal pola vía penal, á que moitas non se atreven. Por iso, unha denuncia dos servizos sociais ou do entorno persoal debe ser suficiente para establecer se hai maltrato e facilitar as axudas necesarias. E, tamén, garantir a perda da patria potestade para os maltratadores con sentenza firme, sen dereito a visitas.

Callón tamén fixo referencia a discriminación que sofren as mulleres en diferentes ámbitos, particularmente no laboral. A fenda salarial entre homes e mulleres e do 22%, que soportan ademais maior precariedade e un acceso escaso aos postos de dirección.

NÓS propón incrementar os recursos e actuacións destinadas a avanzar na efectiva igualdade en todos os ámbitos sociais e económicos. A crise e as políticas de recorte do gasto público, trouxeron un retroceso na aplicación de políticas a prol da igualdade de xénero que hai que frear, concluíu.