00:06 h. viernes, 19 de abril de 2024

O Parlamento aproba a iniciativa do Grupo Popular para que a nova rede dixital de emerxencias e seguridade da xunta se poña a disposición doutras administracións

Stadio Sport  |  17 de diciembre de 2014 (23:05 h.)
moises blanco

Esta nova rede empregará a tecnoloxía TETRA, caracterizada pola súa fiabilidade en situacións extremas ou de saturación da rede, e que é a recomendada a nivel europeo para as comunicacións dos servizos de seguridade

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei a través da que se insta á Xunta de Galicia a que, coa maior brevidade posible, poña a disposición doutras administración a nova rede dixital de emerxencias e seguridade, na que se integran os concellos, deputacións, consorcios de bombeiros e todas aqueles entidades aos que lles interese contar cunha rede integrada, multifuncional e coa que poidan compartir un espazo común nas comunicacións dixitais en caso dun accidente, emerxencia ou evento extraordinario.

O portavoz de Novas Tecnoloxías do Grupo Popular, Moisés Blanco, explicou que esta nova rede de comunicacións móbiles de emerxencias “vai a substituír a actual rede, superada xa polos rápidos avances técnicos na materia e que presenta certas deficiencias”. Nese sentido, destacou que se trata dunha rede “pioneira en España que, tralas diferentes fases de implantación e as probas que se teñen feito coa instalación das 75 estacións base, estará funcionando plenamente nos primeiros meses de 2015 e suporá un aforro anual superior aos tres millóns de euros”.

“As comunicacións móbiles convencionais xa non son axeitadas para a xestión dos servizos de emerxencias, debido a que presentan diversos problemas como a privacidade das comunicacións, a garantía de servizo, a posibilidade de comunicación en grupo, a rapidez no establecemento de chamadas ou a necesidade de dispor de recursos e aplicacións específicas, así como comunicacións garantidas con bases de datos”, concretou Blanco. 

 

REDE PROPIA

Deste xeito, o portavoz popular subliñou que “Galicia disporá por primeira vez dunha rede dixital de emerxencias propia, que integrará e interconectará nun mesmo sistema a todos os colectivos que participan nas emerxencias, garantindo a dispoñibilidade e a seguridade das comunicacións entre eles, e mellorando a coordinación, a eficacia e a calidade do servizo que se ofrece aos cidadáns”.

Moisés Blanco explicou que esta nova rede empregará a tecnoloxía TETRA, caracterizada pola súa fiabilidade en situacións extremas ou de saturación da rede, e que é a recomendada a nivel europeo para as comunicacións dos servizos de seguridade. En concreto, apuntou que esta tecnoloxía “garante a súa dispoñibilidade cando o resto de redes de telefonía móbil se colapsa, emprega dispositivos móbiles adaptados a condicións extremas e permite definir e programar múltiples grupos de radio, o que facilita a coordinación e a xestión das emerxencias”. 

Ademais, a tecnoloxía TETRA posibilita localizar xeograficamente aos efectivos de emerxencia vía GPS,  permite envíos de sms a persoas ou grupos operativos, e inclúe o envío de fotos e mesmo a consulta de bases de datos ou a gravación de conversas.

A posta en marcha desta rede é froito do convenio de colaboración asinado entre a Xunta de Galicia e a entidade pública empresarial Red.es, e será xestionada e explotada pola empresa pública RETEGAL, dependente da AMTEGA. Suporá un investimento de 6,5 millóns de euros, dos que 4,5 serán achegados por Red.es e os outros 2 millóns pola Xunta de Galicia 

O portavoz popular avanzou que “a  previsión é que dende un primeiro momento se integren neste sistema a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior; a Dirección Xeral de Montes, Consellería de Medio Rural e do Mar; e Urxencias Sanitarias 061 da Consellería de Sanidade. “A partir da implantación desta rede, todas as ambulancias do 061 contarán con este dispositivo que permitirá a transmisión de datos ou mesmo historiais clínicos”, explicou.

Hemeroteca