10:28 h. jueves, 28 de marzo de 2024

Vivamos (o derbi) como galegos!

Dulce Corcu @DulceCorcu  |  19 de noviembre de 2015 (16:37 h.)

O que fagan Nolito ou Lucas Pérez  será o epílogo doutra desas festas que hai que vivir para coñecernos, para saber que pese á rivalidade, nos momentos difíciles que lles tocou pasar a uns atoparon apoio e afecto nos outros

 

O noso é un país de ancestrais tradicións e costumes, que dalgún xeito determinan o carácter e forma de ser dos galegos coma son o entroido, os maios, o magosto ou a rapa das bestas. Todas elas festas ás que achegarnos nas distintas estacións do ano e que se remontan no tempo, pero que seguen recreándose sen perder nada da súa auténtica esencia e significado. Algo así pasa cos derbis futboleiros entre Depor e Celta ou entre Celta e Depor, que é o mesmo pero non é.

Esta fin de semana vai ser en Riazor e ambas afeccións xa tocan a rebato aos seus seareiros porque é deses partidos que ninguén quere perder nin perderse. Porque non es galego de todo até que non vives un derbi.  Que non empeza co pitido inicial do árbitro, senón que soe empezar moito antes,  nese momento máxico no que por fin deste conseguido a entrada e non sabes onde agochala para que ninguén caia na tentación de facela cambiar de mans ou de negociar na reventa con ela, cando xa esté como é previsible colgado o cartaz de "non hai billetes". Que con algo tan valioso de por medio non podes fiarte de ninguén. Despois, toca pasar revista ás camisolas e demais atrezzo que nos ha de identificar como blue ou celeste nese día onde a indefición non ten cabida. Nin a diplomacia tampouco, porque lembras aquela belísima canción de Fuxan os Ventos, Irmaus, e nos arredores do estadio decátaste rápidamente de que faría o mesmo efecto que King África como banda sonora nun tanatorio. Fora de lugar, ousexa. Un dos momentos álxidos é na chegada dos buses dos xogadores, onde realmente se miden as forzas e as gorxas porque de repente só se escoitan asubíos e insultos por unha banda, e aplausos e berros de ánimo por outra. Talmente coma en calquera dos recebementos a Feijóo nas súas visitas ou actos públicos dos últimos tempos.

Pero o mellor do derbi é sempre a bancada. As chamativas cores das bandeiras, os cánticos da afección, as pancartas festivas que din non sei qué dun circo cun bufón chamado Iago Aspas ou os detalles dun Hugo Mallo que sen saber que facer coas mans vánselle cara os seareiros deportivistas nun aceno pouco elegante pero moi contundente. Entre as mil cousas que definen o derbi galego hai unha que sobresae por encima de todas e que é tan recoñecible, imprescindible e típica coma o licor café ou a empanada de xoubas: Riazor Blues e Celtarras. Sen eles, sen a súa paixón, entrega e unión, ningún derbi pagaría a pena porque non existirían esas pancartas que non só nos arrincan un sorriso en moitas ocasións, tamén sacuden conciencias cando animan á solidariedade ou reivindican causas que non teñen que darse por perdidas. Sempre incansables á hora de dar folgos aínda na derrota, á capacidade de involucrar a todo un estadio nos seus cánticos dende A Rianxeira a Ti es o noso amor, e a facer que Riazor e Balaídos sexan ese lugar no que sempre te sintas coma na casa. 

Para cando saltan os xogadores ao terreo de xogo, o espectáculo xa leva horas en marcha. O que fagan Nolito ou Lucas Pérez  será o epílogo doutra desas festas que hai que vivir para coñecernos, para saber que pese á rivalidade, nos momentos difíciles que lles tocou pasar a uns atoparon apoio e afecto nos outros. Así pois, vivamos o derbi como galegos....irmaus!. 

Hemeroteca