00:01 h. jueves, 28 de marzo de 2024

Rajoy no seu labirinto

Dulce Corcu @DulceCorcu  |  13 de septiembre de 2015 (18:35 h.)

Remata un verán que pouco tivo de tal en Galicia. Co agosto máis chuvioso dos últimos dez anos os galegos, a diferencia de Rajoy, sí sabemos exactamente porqué cae auga do ceo. O que aínda non sabemos é por que cae sempre aquí

 

A chegada do outono, trae para Mariano Rajoy obrigas propias da estación que nada teñen que ver coas lúdicas da época estival coma os chapuzóns no río Umia, sen medo ningún a ser confundido cun queixo de tetilla emerxendo das augas. Para que logo digan que non ten nada de galego. E conste que ben se podería ter permitido ir a algún resort en Punta Cana como algúns dos seus ministros, onde o glamour e o luxo teñen forma de pulseira e que nas beiras dos ríos galegos é inexistente. E innecesario. Claro tamén que Rajoy, se con esa pel de rostro pálido optase por un destino tropical, as conversas co seu primo Físico de Sevilla ían versar únicamente sobre o inminente burato da capa de Ozono por abuso de derivados químicos nos produtos de proteción solar. Menos mal que contra o criterio de moitos o presidente de España é un home de sentidiño e deixa o bronceado exclusivamente para Javier Arenas, xa curtido.

A quen tamén nestas datas non se lle casa un amigo ou parente, que prefire o mes de setembro para ir sobre seguro e contar xa conque chova, o que aforra o desgusto de que iso mesmo pase en xullo ou agosto, que incomoda máis. A maioría dos mortais a preocupación que temos nunha voda é qué traxe elixir para ir guapos e cómodos, a ton cun evento desa rexia ocasión. Rajoy en cambio nisto amósasenos distinto e para el a teima reside en se ir ou non ao casamento de Javier Maroto, recén ascendido polo presidente a Vicesecretario do Partido Popular. Neste caso non é por problemas de axenda ou por non ter que poñer, aínda que agora xa non se lle agasallen traxes porque está mal visto e ata pode ser constitutivo de delicto. ¡Como se fose algo que non se fixera toda a vida sen que ninguén se alporizase!. A cuestión vén sendo que Maroto casa cun home. É, pois, homosexual. E non é que non PP en xeral e Rajoy en particular sexan uns retrógrados que pensan que só poden casar un home e unha muller, porque nas Escrituras nas que cren -xunto co Marca- pon que a fin desa unión é a procreación. E iso entre unha pera e unha mazá e algo farto improbable como ben deu explicado Ana Botella fai un tempo para que non quedase xénero de dúbida. Outra cousa é quen non o queira entender.

Quizais tamén inflúe no vou, non vou, que Rajoy e o seu partido no momento de terse aprobada a lei socialista que permitía ás parellas homosexuais casarse cos mesmos dereitos que o resto, presentaron un recurso de inconstitucionalidade para non ir contra as leis de Deus, que son as que verdadeiramente hai que respectar, que para iso levan miles de anos escritas e non por catro roxos, precisamente. O recurso non prosperou e por iso agora este dilema. Como se Rajoy non tivese xa frentes dabondos nos que dar bandazos e andar desdecíndose. Velaí o asunto de cantos refuxiados acoller dos que fuxen das guerras que axudamos a montar dende aquí para despois lavarse as mans coma Pilatos, moi bíblico el. Pero para que logo digan que os milagres non existen, chegou Merkel vestida de Purísima e decidiu que hai que ser piadosos e acoller a esas pobres almas entre todos e apeitugar co que lle caia a cada un no reparto. Non sempre ían tocar sobres. Rajoy, home devoto e fiel, está disposto agora a ser solidario incluso gratis, que hai que estar a ben con Deus...digo con Merkel. Aínda que bueno, para el veñen sendo o mesmo. 

E así está o pobre, apagando os lumes que prenden no seu partido e no seu Goberno, que lle aconsellan que non vaia ao casamento por aquelo de non parecer incoherente ou, peor, moi moderno. Xa non digamos os que o preveñen dos estranxeiros que lle cola dona Merkel, co perigo que supón que entre eles veñan terroristas a poñer bombas co conto ese da solidariedade. Porque desa palabra a Biblia si que non di nadiña. Por algo será. 

Hemeroteca