00:03 h. viernes, 29 de marzo de 2024

Poñamos que falo de Carlos Callón

Dulce Corcu @DulceCorcu  |  14 de noviembre de 2015 (16:10 h.)

Recén elixido como candidado ao Congreso español polo BNG e dobrando en votos a Tereixa Novo, a outra competidora, ninguén discute a súa capacidade comunicativa e de liderazgo, algo que non sobra nos actuais dirixentes do partido nacionalista

 

Tantos anos despois, sempre volve a haber ocasión de lembrar aquela época en plena Transición española que se deu en chamar movida madrileña e que foi unha revolución cultural, musical e política que marcou case unha década. Foi ilusionante non só para os habitantes da cidade, senón que traspasou a Porta de Alcalá e recalou noutros lugares coma Vigo, dando paso a unha Galiza luminosa despois dos tempos escuros e das longas noites de pedra. Daquela a ilusión e o talento eran a carta de presentación máis exportable para todo aquel con ganas de ampliar horizontes e derrubar fronteiras, como mesmo parece ser a pretensión nestes momentos de Carlos Callón, posuídor sen dúbida desas cualidades tamén. 

Recén elixido como candidado ao Congreso español polo BNG e dobrando en votos a Tereixa Novo, a outra competidora, ninguén discute a súa capacidade comunicativa e de liderazgo, algo que non sobra nos actuais dirixentes do partido nacionalista, que veñen de colleitar uns discretos resultados nas pasadas elecións municipais, cunha significativa perda de peso sobre todo nas cidades galegas, agás Pontevedra. A ruptura total coas outras forzas galegas que optaban a coaligarse para así consumar o ansiado grupo propio nas Cortes non llo pon doado a Callón á hora de obter posibilidades reais de saír elixido deputado en Madrid. Pero neste esceario a priori  tan pouco apetecible, se alguén pode conseguilo é el. Sábeno no BNG e na militancia, faltos dun candidato mediático e a o que unha gran maioría dos galegos poñen cara. A súa presenza non pasa desapercibida tras anos presidindo A Mesa Pola Normalización Lingüística, protagonizando debates, encabezando manifestacións e sendo o activo máis popular na defensa do idioma propio, tamén coa publicación de varios libros que nos guían no seu emprego correcto e nos dereitos que nos asisten respecto del. Todo isto levouno a vivir momentos tan tensos como surrealistas, como aquela inesquecible entrevista na TVG que lle fixo Carlos Luis Rodríguez onde parecía interpretar ao mesmísimo Torquemada, máis interesado en aniquilar ao entrevistado que nas súas opinións. A pseudoentrevista tivo moita repercusión incluso fora do país e espertou as simpatías de moitos espectadores cara o estoico Callón, que nunca perdeu as formas nin decaeu na tarefa que alí o levara como presidente de A Mesa. Iso supúxolle o veto na canle de todos ate fai apenas uns días, co gallo da súa recén elixida candidatura. Nunca é tarde se a dita é boa, soe dicirse.

Pero iso non foi nada en comparanza con todas as leas nas que lle tocou baterse con Miss Galegófoba, a raíña dos disparates lingüísticos Gloria Lago, presidenta dese Tea Party do idioma chamado Galicia Bilingüe. O santo Xob se de verdade existe, xa pode cederlle parte da nómina a Carlos, ainda que a representación que lle fai na terra non hai cartos que a paguen. Cando anunciou a súa retirada de A Mesa para adicarse a súa profesión como mestre, Lago non cabía en si de gozo e así nolo fixo saber nun artigo no seu blog onde se gababa de ter sido ela quen propiciara que marchara por non sei que teimas na súa fabuladora cabeza. Eu case a podo imaxinar derreténdose mentres o escoita -se sae electo- falando en castelán no Parlamento español e sentíndose por fin plenamente realizada. Tan capaz de escribir outro artigo pero desta volta para atribuírse o milagre. E diso a unha condecoración por parte de  Fernández Díaz só media unha viaxe Ás Vegas e atopar a Deus outra vez con ganas de falar. 

Mentres, os mortais que cremos na capacidade ilusionista de Carlos Callón, só agardamos que de Madrid ó ceo signifique unha única cousa: que o ceo sexa voltar a casa pronto. Poñamos que falo de seguir ilusionándonos.

Hemeroteca