06:32 h. Martes, 21 de Noviembre de 2017

Stadio Sport

A Penitencia

Os días de verán son tan longos que dan para un interminable regueiro de novas a todas horas, e algunhas delas mesmo parecen sacadas dun libro de chistes. Ou de Twitter, que agora é a Biblia chistosa por excelencia

Dulce Corcu @DulceCorcu  |  26 de Junio de 2015 (13:05 h.)
Más acciones:

 

Unha desas novas é a proposición do Deán da Catedral de Santiago de Compostela, que suxire que os presos poderían redimir as súas condeas facendo o Camiño de Santiago. Polo visto, non é algo que se lle ocorrese a el por inspiración divina, senón que era algo que xa se levaba a cabo na Idade Media. Que un membro da Igrexa propoña rescatar usos e costumes da época medieval tampouco é algo demasiado sorprendente: ás veces basta escoitalos para comprobar que non lles queda tan lonxe.

Eu, que por fortuna (ou non, segundo se mire), vivo preto diso que os romanos deron en chamar a fin do mundo, onde morre o sol e as sinalizacións de tráfico, innecesarias cando xa só podes circular sobre a auga do ancho mar, que aquí resulta ancho de máis até o punto de que xa non ves outra cousa. É por iso que coñezo de primeira man canto pode redimir ese Camiño que, obrigada e oficialmente, remata nestes pagos. Supoño que para o Deán da feliz idea, o propósito é que se beneficien únicamente aqueles delincuentes que sexan cristiáns e devotos, ou a graza de Deus non tería sentido ningún se fose aleatorio. Así a bote pronto, véñenme uns cantos á cabeza que poderían acollerse a esa penitencia. Aí temos a Bárcenas, por exemplo. Católico practicante de misa diaria na cadea e consumado deportista, polo que a bo seguro sería un óptimo candidato para embarcarse na limpeza da súa alma e do seu expedente penal. 

Descoñezo onde escomenzaría Bárcenas a súa expiación, pero de certo que a remataría, como a inmensa maioría dos peregrinos, en Fisterra. E para chegar ata aquí non sei canto hai de Camiño propiamente dito, porque en gran parte transcorre polas estradas, ao alimón cos coches que nelas circulan habitualmente para os seus quefaceres diarios. Tampouco sei que medio de locomoción escollería. Quizais a pé cargando coa mochila ao lombo e perdéndose a cada km. polas deficientes sinalizacións. As xestas, que teñen a mala costume de tapar as cunchas orientativas  cando medran e invaden as cunetas, porque igual non coñecen a loable iniciativa do Deán. Ou porque no Concello pertinente non hai persoal ou vontade para ir apañalas, tamén é unha posibilidade. Por contra, Bárcenas tamén podería escoller a bicicleta, do máis ideal para circular por estradas sen aceras e para xogarse o tipo en cada curva cerrada e sen visibilidade. Tamén a cabalo é unha opción. Cos coches detrás pisando e aspirando as bostas propias das necesidades fisiolóxicas de calquer animal. Todo sexa pola redención. Tanto do que ten pena que expiar coma do que naceu sen paciencia. Non hai como as peregrinacións alleas para facer un cursiño acelerado delas.

Así que aínda de primeiras a proposta do Deán pareza un disparate, ben pensado é todo un acerto porque saímos gañando todos: Bárcenas volve a ter dereito a ir ao ceo, e os condutores das estradas ás que lle chaman Camiño de Santiago, un máster en Santa Paciencia.

A mesmiña que deben ter eses infieis que alzan a voz para lembrarlle ao Deán a separación de poderes entre Igrexa e Estado, e que as Leis, condeas e absolucións só as dicta o Poder Xudicial. 

Co ben que se vivía na Idade Media...