07:22 h. viernes, 19 de abril de 2024

Un okupa na alcaldía de Ferrol

Dulce Corcu @DulceCorcu  |  16 de octubre de 2015 (19:54 h.)

No día en que Montoro apareceu coma un implorante Scarlett O´Hara, desvelando que hai compañeiros que se avergonzan de ser do PP e xurando pola bandeira suiza que con él non van a poder, ao alcalde de Ferrol sácanlle as cores por non ter un triste traxe que poñer nos actos oficiais

 

Din que nunca chove a gusto de todos e vimos de comprobalo co artigo que lle adica Marta Rivera de la Cruz ao alcalde de Ferrol con motivo da súa visita á cidade de Lugo, onde xunto co resto da Corporación ferrolá foi recibido pola local e agasallado como merece calquer convidado. Jorge Suárez é un deses novos alcaldes dados en chamar do cambio, con todo o que iso conleva para quen aínda non deu asimilado aquelo que cantaba Loquillo: que os tempos están cambiando sen remisión. 

Marta Rivera de la Cruz é escritora e xornalista, tertuliana televisiva e, sobre todo, unha das caras visíbeis do apoio á formación Galicia Bilingüe, abandeirada da loita de extinción do galego pero que eles, igual que Feijóo, dan en chamar bilingüísmo harmónico. Algo así como que pase por homicidio e non por asasinato. Pois ela, lucense de cuna, vén de amosarse indignada e ofendida a partes iguais pola presenza de Suárez na súa cidade. O motivo non é outro que presentarse na recepción oficial coma se xa estivesemos en pleno San Martiño. Ousexa, coma un porco. A escritora non lle aforra descalificativos e non aproba que se presentase cunha barba tupida por impropia e desaliñada. En cambio, cando fai uns meses a levaba o rei Felipe VI era tendencia e tremendamente elegante. Claro que non sendo un mindundi xa todo favorece. Que dicir do atuendo: vaqueiros algo desvaídos, camisa das que tende ás enrugas e americana gris á que non se lle aprezaba por sitio ningún a etiqueta de Armani ou de Hugo Boss. Tampouco parecía unha prenda típica de Forever Young, sastrería especializada en facer traxes a políticos que nunca pagan pero que saben moito de vestir ben como Camps. Quizais Suárez leva pouco no cargo para tales prebendas, ou peor, quizais el no sexa deses como ben lle lembra Martiña, que non o ve capacitado para o cargo porque non lle vén de familia como a ela, que tivo un avó concelleiro franquista e por iso está lexitimada para ser unha das candidatas de Cidadáns ao Congreso. E por certo que os bos modais xa lle van de serie, como a calquera nado en boa familia. Afórraste dar que falar coma o pobre Jorge Suárez, que despois de todo non é culpábel da súa orixe pero que non sabe quedar no seu sitio coma fan nos suburbios de Calcuta, ben claro o deixa no seu artigo. Cada un debería estar sempre entre os seus iguais.

No día en que Montoro apareceu coma un implorante Scarlett O´Hara, desvelando que hai compañeiros que se avergonzan de ser do PP e xurando pola bandeira suiza que con él non van a poder, ao alcalde de Ferrol sácanlle as cores por non ter un triste traxe que poñer nos actos oficiais. Igual non viu a necesidade de adquirilo porque un traxe antes era para as vodas ou os enterros e agora para visitar os Xulgados cando che imputan por cohecho, prevaricación ou tráfico de influencias, ocasións que aínda non tivo por esa moda de gobernar transparentemente, sen a presión de presentarse sen gomina por tela esquecido no hotel de cinco estrellas pagado polos contribuíntes na última viaxe, ou por cargarlle aos presupostos de todos os españois o coidado dos teus maiores como fai todo un presidente como Rajoy. ¡Ai, canto lles queda por aprender a estes novatos!. 

A Marta Rivera de la Cruz nunca lle caberá na cabeza que políticos coma o alcalde de Ferrol teñan chegado a tales, e que a última das súas preocupacións sexa aparecer guapos para a foto e que xente tan esnob coma ela non se teña que rasgar as vestiduras e levar as mans á cabeza porque nin sequera se moleste en aparentar o que non é. A mellor vantaxe das baixas castes é que nunca precisas disimular. Chámase ser libre, pero para alguén do refinamento de dona Marta non pasa de ser un homeless. Que ela galego non, pero polas línguas que dan caché aposta claramente. Que se note, please!

Hemeroteca