06:31 h. Martes, 21 de Noviembre de 2017

Stadio Sport

Odisea de Aylan e Zaid entre Siria e Europa

En circunstancias normais nunca teríamos sabido deles, pero acabaron convertidos na cara e a cruz do éxodo sirio

Dulce Corcu @DulceCorcu  |  26 de Septiembre de 2015 (21:43 h.)
Más acciones:

 

Hai un escritor norteamericano chamado Paul Auster (Premio Príncipe de Asturias das Letras, 2006) cuxo invariable protagonista nas súas novelas é sempre o azar. El é o que zarandea a vida dos protagonistas e determina qué clase de futuro terán, malia os plans preestablecidos que tivesen cada un. Ás veces para poñelo todo patas arriba basta o dobrar unha esquina e outras, que medie unha guerra como foi o caso dos cativos sirios Aylan e Zaid.

En circunstancias normais nunca teríamos sabido deles, pero acabaron convertidos na cara e a cruz do éxodo sirio. Os dous vivían en pobos do seu país de orixe, rodeados das súas familias e probablemente sen máis preocupacións que as propias dos seus tres e sete anos que serían xogar e pelexar cos irmáns polos xoguetes. Pero foi moi pouco o tempo no que souberon o que era vivir en paz. Pronto nas súas retinas non houbo sitio para nada que non fose destrucción e cadáveres apilados sobre escombros, entre eles os de parentes aos que o azar puxo no camiño dun francotirador ou dunha bomba posta por non se sabe ben qué bando.  Aínda que iso xa carece importancia. Cando a desesperación fai que o único que teñas que perder é a vida, toca emprender a fuxida na procura dun destino que non tiñan previsto. Aylan e Zaid saen por primeira vez do seu país como refuxiados, unha palabra que quizais nunca antes tiveran escoitado, e que tampouco darían entendido por moito que lles explicasen o rexeitamento que provoca noutras persoas que a partires dese instante ían ser actores principais do que acontecese nas súas vidas.

A familia de Aylan pedíu asilo no Canadá, onde xa residía unha irmá do seu pai, pero foilles denegado. A de Zaid recalou en Turquía e dende alí foise desmenbrando, seguindo cada un rutas distintas ao longo de todo un ano que lles garantiran recalar na soñada Europa. Ese é sempre o argumento dos que exprimen a desesperación en forma de billete nunha balsa de plástico. A familia de Aylan tiña un asento nunha desas balsas que nunca chegou a porto e da que soubemos cando en plena época estival vimos unha praia sen hamacas nin sombrillas, anormalmente silenciosa e sen máis vida que a dos uniformados policías que retiraban corpos ríxidos que a marea fora devolvendo á praia coma os restos dun naufraxio anunciado. Alí, entre ondas de escuma e sobre a area mollada mecíase Aylan sen nada que perder xa. Nin a vida. Mentres, Zaid corría nos brazos do seu pai noutra fronteira por atravesar, fuxindo da policía húngara cando unha xornalista local quixo impedirllo facéndolles unha zancadilla. Case poidemos escoitar os berros do neno cando vimos ao seu pai caerlle enriba. Aylan e Zaid xa estaban unidos por algo máis que a nacionalidade e a condición de refuxiados, desde ese momento foron o detonante doutra feroz guerra: a das conciencias estupefactas de arrepío, a de gorxas que se pechan para conter a catarata de bilis que ameaza con desbordalas e, a peor de todas, a dos ollos incrédulos que sangran con só mirar. Pero é unha batalla efímera que durará o que tardemos en cambiar de canle na televisión ou en pasar a páxina do xornal para atoparnos cos resultados da xornada ligueira ou co último político implicado nun caso de corrupción. Por fin un pouco de vida normal.

As vidas de Aylan e Zaid xa non van paralelas. Unha quedou abatida para sempre nas beiras dunha praia na que non deramos imaxinado outra cousa que non foran  nenos de brincadeira nela. Nunca ata ver alí a Aylan boca abaixo. Na outra banda do azar,  un español relacionado co mundo deportivo ao que tamén pertencía o pai de Zaid antes da guerra, quixo facer algo máis que conmoverse e despois mirar para outro lado. Quixo poñer punto e final a súa odisea abríndolle a que ha de ser a última fronteira. 

 Agora, como aquel entrañable Auggie que via pasar a vida detrás dunha cámara de fotos apostada nunha esquina na deliciosa Smoke, Zaid tamén pensará que non hai mellor momento que o presente. El está a tempo de vivilo.