00:00 h. viernes, 19 de abril de 2024

O mundo feliz de Mariano Rajoy

Dulce Corcu @DulceCorcu  |  06 de agosto de 2015 (02:00 h.)

Despois da rolda de prensa da semana pasada do presidente Rajoy con motivo da fin do curso político, dubido que quede ningún español que non vira mudar a súa vida tras escoitalo falar das milagres da sua xestión

 

El soíño foi quen de sacar ao país dunha profunda crise económica causada por eses enxendros do demo que son os socialistas, inútiles para todo agás cando se precisa deles para reformar a Constitución e non defraudar a Merkel e o gran capital, ou para loitar contra os roxos de verdade. Pero agora por fin coñecemos a senda do crecemento e da felicidade, por máis que sempre haxa alguén en forma de xornalista disposto a que a pretendida felicidade non sexa completa importunando con preguntas sobre corrupcións varias. O presidente, claro e contundente como sempre adoita ser, concluíu que as cousas do pasado son iso, pasado. E que fagamos o favor de mirar cara o futuro que é onde el, con esa privilexiada intuición que lle fixo dicir que quería gobernar como Matas ou ser como Camps, xa se ve.

Como na novela Un mundo feliz de Aldous Huxley, o noso futuro parece un calco do presente; unha democracia que é pero no é, unha ditadura que poidera ser pero non de todo pese ao totalitarismo co que se emprega a maioría absoluta, aplastando leis que non gustan ós bispos e inventando outras para súa maior gloria. Manipulando cantos medios informativos teñan ao alcance e todo, por se hai suspicaces, en aras dese mantra da estabilidade social, que nun alarde de humildade pregoan ser os únicos capaces de acadar. No PP, como na novela, tamén dividen o mundo en categorías, pero son tan austeros que onde Huxley tiña cinco, a eles chéganlle ben con dúas: eles mesmos por unha banda, e o resto dos mortais pola outra. Por iso no mundo marabilloso  de Rajoy é premiado un tal Wert, que previamente cesado dun importante cargo pola súa amosada ineptitude para desempeñalo, ven de ser nomeado para un aínda mellor co dobre de soldo, chófer, servizo doméstico, un piso de luxo para residir, once conselleiros e dous diplomáticos para que se sinta ben a gusto e non lle falte de nada. Hai que ser comprensivos, ven de casar e non imos permitir que o que uniu deus o separe Rajoy, de aí esa desmedida xenerosidade cos nosos cartos. Rajoy non vai ser tan parvo como Cristiano Ronaldo, que con motivo tamén dunha voda agasallou ós noivos cunha isla grega, pero financiada exclusivamente do seu peto. ¡Cómo se nota que saiu desa categoria que non corresponde ós fillos de boa estirpe!

Porque para nado en boa cuna, Rodrigo Rato. Foi despedido sen moitos miramentos polo organismo internacional do FMI e acollido de inmediato polo desprendido Mariano Rajoy, que lle deu a caixa de aforros máis importante de España para que a afundise mentres se entretiña xogando á Bolsa e estafando anciáns que, noutro deses arcaicos costumes de xente de baixa estofa, aforrara uns cartiños despois de toda unha vida de honrado e esforzado traballo. Agora Rato, inmerso nunha morea de procesos xudiciais, vive penando e sufrindo a bordo do seu iate en Mallorca, mergullándose nas cálidas augas do Mediterráneo e preocupadísimo porque tal parece que os xuíces lle colleran manía.

Claro que para mundo feliz os da Operación Púnica,  sabendo que no contexto actual ser púnico non implica loitar contra Roma senón contra a pobreza. A súa mesma, enténdese. Interminables patrimonios de luxosos pisos, chalés, embarcacións, coches deportivos, motos e así unha larga ringleira de todo o que se poida mercar con cartos. Con tanto para distraerse, normal que traballar non fose algo que se contemplase nesas elites. Ben aclarado o deixou ese deputado que dixo que é o era xustamente para pasar o tempo mesándose as súas partes, todo por conta do contribuínte que, nesta barra libre de prebendas, sempre é o que convida.

Asi que toca facer caso ao presidente e mirar cara diante, ao futuro. Rajoy non o terá leído porque as súas citas ou declaracións nunca encontraron sitio no Marca, pero Homero pensaba coma el e xa dicía tamén que deixemos que o pasado sexa pasado.

E por dicilo de xeito que o entendan os da segunda categoría do mundo feliz de Mariano: que morra conto.

Hemeroteca