00:14 h. martes, 19 de marzo de 2024

Ministros Made in Spain

Dulce Corcu @DulceCorcu  |  11 de agosto de 2015 (20:45 h.)

A piques de rematar a lexislatura -e sen ter moi claro que vaian repetir na próxima-, compre facer un percorrido polas actuacións dos diferentes ministerios do aínda actual Goberno español

 

Non todos tiveron o mesmo protagonismo ou relevancia mediática, pero nisto último o campión absoluto de seguro que foi o ata fai apenas un mes ministro de Educación e Cultura, señor Wert. Ninguén coma el acadou maiores consensos no seu cometido, pese a que sempre fosen en contra de cada unha das súas propostas. Pero ata para poñer dacordo a tanta xente e organismos varios na súa ineptitude, hai que facer méritos, que lle foron resaltados en cada unha das súas comparecencias públicas en forma de apupos e pitadas, convertidos xa nun clásico coma se dunha final de Copa do Rei entre vascos e cataláns con hino español de por medio se tratase. Desencantado deste trato inhumano, foi trasladado a París coma embaixador deluxe para recompensalo de tanto sacrificio por España, aínda que ninguén máis que Rajoy fose consciente de tal cousa.

Para que non notemos moito a súa ausencia, foi nomeado para o posto Íñigo Méndez de Vigo, que parecer ter as mesmas capacidades de consenso. Polo de pronto, xa se fixo acreedor dunha morea de comentarios por ter dito que el é un gran admirador do cine español e que é fiel seguidor de Cine de Barrio, onde por certo ningunha película ten menos de corenta anos e nas que Paco Martínez Soria era o Javier Bardem da época pero sen meterse en política, facendo sempre de español de ben e con valores e precursor da Marca España sen necesidade de gañar Oscar ningún. Non sei se esa era a idea, pero o actual Ministro leva camiño de facer bo a Wert e iso si que era algo co que ninguén contaba. Milagres de Mariano Rajoy, ao que ás veces subestimamos.

Pero para dar que falar neste curso, Jorge Fernández Díaz dende a carteira de Interior. Membro recoñecido do Opus Dei, foi quen de poñernos a todos a pel de galiña cando nos fixo partícipes dende un medio de comunicación das súas conversas con Deus nun hotel de Las Vegas. O Altísimo baixou dos ceos a esa cidade do pecado quizais para animar ao Ministro a seguir polo camiño da piedade e das boas obras ás que nos ten acostumados e das que moito poderían dicir certos inmigrantes que nadaban cara á costa española no seu afán de acadar unha vida digna, lonxe das miserias e guerras dos seus países de orixe e que foron disuadidos a pelotazos de goma sen a menor intención por suposto, de que afogasen. Que iso xa foi consecuencia do que Fátima Báñez, Ministra de Traballo, deu en chamar movilidade exterior ou espíritu aventureiro. Ao non seren de relixión cristiá, non se poideron encomendar á Virxe do Rocío, que todo o arranxa. Fernández Díaz tamén anda estes días en boca de todos por ter recibido a Rodrigo Rato no seu despacho do Ministerio, un presunto delicuente que, como fariamos todos, vaille choras as penas aos amigos que poden facer algo por un. E o Ministro pode facer moito, non en van é o que manda na xente que investiga ao presunto. Pero sería de malpensados presupoñer un trato de favor dado que nunca nos teñen dado motivos, claro.

Despois hai ministros eficaces como Soria en Industria, que inaugura hoteis ilegales e pasa neles as vacacións. O das licenzas xa se irá arranxando, ide facendo. Unha máxima ésta de calquer gobernante español que se precie. Dende o seu Ministerio, desvívese para que todos desfrutemos de luz eléctrica a precio de caviar iraní, que por algo nos merecemos o mellor xa que lles votamos. Mentres, as empresas eléctricas si que senten que deus os ven a ver sin necesidade de desprazarse a Las Vegas.

Menos coñecido, Jorge Morenés en Defensa. Famoso por mandar calar no Congreso a unha deputada que lle afeaba andar ascendendo a militares condeados por acoso e desamparando e silenciando ás vítimas deses acosos. O Ministro é un incomprendido que só trata de facernos entender que hai cousas coma o coñac e o Exército que só son aptas para os homes. 

E pese a que non son todos os que están, están todos os que son.  Os que enchen titulares e nos fan sentir cada día nas mellores mans, seguros e ben gobernados. Aínda que non haxa coñac dabondo no mundo para recoñecelo.

Hemeroteca