15:12 h. sábado, 20 de abril de 2024

Mambrú foise á guerra

Dulce Corcu @DulceCorcu  |  26 de noviembre de 2015 (15:35 h.)

Cantas veces na nosa infancia non daríamos escoitado esa canción pero descoñecendo que en realidade é orixinaria de Francia e adicada ao primeiro Duque de Marlborough, ao que os franceses deron por morto despois dunha desas batallas nas que vivían inmersos

 

Cantas veces na nosa infancia non daríamos escoitado esa canción pero descoñecendo que en realidade é orixinaria de Francia e adicada ao primeiro Duque de Marlborough, ao que os franceses deron por morto despois dunha desas batallas nas que vivían inmersos, resultando que non estaba morto e non se sabe se de parranda. No convencemento de sabelo finado, fixerónlle esta canción con afán de escarnio e moi pouco do savoir faire que supostamente caracteriza aos franceses. A España chegou da man dos Borbóns, que abreviaron o apelido do duque inglés por un máis sinxelo Mambrú porque xa daquela, como agora, os idiomas vese que eran unha das poucas armas que os españois non dominaban. Era máis doado de entender a línguaxe da espada e o machete, onde vai parar.

E coma se tres siglos non fosen nada, na Francia veñen estes días de entoar de novo os cánticos de guerra e chamando a esa parte do mundo civilizado a que se sumen á batalla se de verdade teñen o que hai que ter. Ousexa, nutridos exércitos, avións bombardeiros, caza, portaavións e demais armas sofisticadas e letais que xeralmente só vemos nas películas, na exhibición do día das Forzas Armadas e nas invasións habituais de Estados Unidos sobre algún país de nome impronunciable, como dicía Michael Moore no comezo do seu fascinante documental Bowling For Columbine. O terrorismo yihadista sembrou París de morte e destrución e, por incrible que pareza, o goberno francés o primeiro que dixo foi que ía respostar do mesmo xeito, sembrando morte e destrución en Siria coma se alí só aniñasen fanáticos e suicidas. Os danos colaterais sempre son un mal menor se teñen a pel aceitunada e levan turbante, A solidariedade con Francia non se fixo esperar e a palabra guerra empezou a aparecer en boca de todos os que mandan nalgunha parte da terra dos elixidos. Tímidamente tamén empezaron a escoitarse voces que desaconsellaban o efecto ollo por ollo argumentando que iso era precisamente o que buscaban os terroristas, ver a Occidente embarcado na súa guerra. Pero rápidamente foron desacreditados e tachados de insolidarios, de tibios e até de esquerdosos extremistas por pretender unha resposta acorde a gobernos democráticos e a organizacións que supónse velan pola paz e o entendemento co emprego de armas como último recurso. Como último recurso entre nós, enténdese, porque eses mesmos gobernos co beneplácito desas mesmas organizacións, surten sen problema algún aos desfavorecidos da outra parte do mundo con toda a metralla que precisen, para que anden entretidos matándose entre eles mentres os barrís de petróleo fluctúan o seu prezo segundo a cantidade deles que lles poidan expoliar, sempre despois de aparecer por alí coa carta de presentación do Nobel da Paz do presidente Obama. As intencións primeiras sempre que se vai masacrar un país son boas, iso que non se dubide. O malo é que algúns saen teimudos, non se conforman coa boa vontade e revíranse cando os sacas a tiros das súas casas e os obrigas a fuxir dunha vida que igual non era completamente confortable, pero que era mellor da que teñen agora despois dos bos propósitos da teórica xente de paz.

Cando facer a guerra para moitos é pulsar un botón nun despacho con moqueta e dous gardacostas na porta, Sartre, un dos franceses máis universais soubo retratala mellor que ninguén: cando os ricos fan a guerra, son os pobres os que morren. Pero son danos colaterais.

Hemeroteca