06:32 h. Martes, 21 de Noviembre de 2017

Stadio Sport

León Come Culé

Pese a seren os vascos un equipo importante da Liga española, eran a priori as vítimas propiciatorias para o voraz e todopoderoso Barça de Messi e compañía

Dulce Corcu @DulceCorcu  |  18 de Agosto de 2015 (17:00 h.)
Más acciones:

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Non fai falla ser afeccionado á cociña para que todos a tempada pasada fósemos coñecederos dun estraño caso nun programa culinario de máxima audiencia televisiva. Un dos concursantes do programa, no seu afán de sorprender e impactar, foi quen de conseguilo pero co efecto contrario ao desexado. O seu excéntrico prato León come gamba, colleitou as críticas e iras do esixente xurado que non tivo compaixón á hora de expulsalo de bastantes malos modos e sen contemplacións. O prato non pasará aos anais das receitas de cociña de referencia, pero fixo ao seu autor famoso en todo o país e merecedor das simpatías dos espectadores e dos usuarios das redes sociais. 

Algo así venlle de pasar ao Athletic de Bilbao na disputa da Supercopa de España contra o Barcelona. Pese a seren os vascos un equipo importante da Liga española, eran a priori as vítimas propiciatorias para o voraz e todopoderoso Barça de Messi e compañía. Un equipo incluso simpático para a afección culé, sempre aliados cando se trata doutras batallas contra símbolos do Estado español xa memorables e convertidas en tema de repudio para o españolismo de ben, monárquico e cortesán como deus manda. Quizais por iso Luis Enrique, adestrador do Barcelona, entendeu que a viaxe a San Mamés ía ser unha pachanga entre amigos na que lle valerían os que habitualmente quentan o banco para solventar o trámite. Que recén viñeran de converterse en campións  in extremis da Supercopa de Europa fronte ao Sevilla, seguramente foi considerado algo anecdótico. Encaixar catro goles e que che remonten un 4-1 non é algo que adoite sufrir o Barça, pero a victoria final correu un tupido velo sobre as penurias pasadas. Asi que Luis Enrique, dende a súa máis que contrastada humildade, foi á Catedral con Messi e dez máis. No Athletic, con esa merecida fama de leóns, optaron por sacudirse a melena e saír de caza. A falta de sabana, no céspede pronto caeu a primeira peza nun zapatazo de San José dende o medio do campo tras un fallo do porteiro barcelonista. Euforia e estupefación segundo o banco ao que se mirase, pero pouco que temer aínda. A Luis Enrique de momento na faciana só se lle apreciaba o moreno veraniego. Nin rastro do sonroxo de bochorno que estaba por vir cando un a un foron caendo tres goles máis na súa portería. A estupefación culé tornou carraxe e todos os ollos miraron cara unha defensa que deu todo un recital de cómo ser rebasados por un tipo de trinta e catro anos que non é nin brasileiro nin arxentino. É Aduriz, que sucedeu a Forlán dez anos despois na honra de facerlle unhat trick ao Barcelona das grandes estrelas e astronómico presuposto. Non leva un peiteado á última moda, nin ten unha liña de calzóns co seu nome, nin o perseguen os paparazzis en praias paradisiacas acompañado de exuberantes modelos ou cantantes. Ninguén agarda del outro protagonismo que non sexa dentro do campo de fútbol. É esa clase de xogador que parace que pasaba por aí e o balón foille bater na cabeza ou no pé, sen querer case e sen que él o pretendese. Que desquiciase ao dúo Bartra - Vermaelen -ampliando a trío con Adriano en ocasións-, resultou algo ben natural. Só pisou tres veces a área e nas tres os deixou sentados mentres encaraba á porta e culminaba o gol. 

A estupefación e carraxe culé mesmo se tornou admiración mentres Messi miraba para outro lado. Nunca ata ese día se tiña identificado tanto co seu alcume: a pulga. Invisible nese naufraxio que, paradóxicamente, ameaza con sacar a flote e pasear pola Ría do Nervión a gabarra bilbaína das grandes xestas tras trinta e un anos no dique seco.

Co partido de volta convertido nun puro trámite, cun Barcelona á desesperada e un Athletic firme, repleto de leóns nados en lugares tan exóticos como Bilbao, Vitoria, Pamplona ou Donosti, e cun Aduriz que de novo fixo sonroxar a Luis Enrique e que, pola contra, puxo en pé a todos cantos desfrutan dunha vitoria insólita é inesperada. Dun zarpazo fero de quen sempre parece manso... agás cando hai que sacar as cores aos rivais máis poderosos. 

Aúpa Athletic!