00:06 h. martes, 23 de abril de 2024

Lei Mordaza e xa tal

Dulce Corcu @DulceCorcu  |  03 de julio de 2015 (01:29 h.)

Despois de todo ninguén pretende que non te manifestes nin te expreses libremente. A única diferenza é que agora facelo vaiche custar cartos ou pasar algunha tempada á sombra

 

Nos últimos anos, a crónica negra española xa non se nutre de crimes terroristas nin dos corrementos dos marcos nas leiras. Non é que xa non haxa asasinatos nin violencia, pero está tráxicamente acaparada polo machismo, que se cobra vítimas cunha frecuencia implacable que, pese a todo, as autoridades competentes non consideran que cause alarma social ou que urxa tentar combater con tódolos medios e empeño posibles.

O escenario de inseguridade para a poboación non parece algo demasiado alarmante, maís alá dalgún Madrid - Barça ben regadiño de alcol ou de escasas neuronas, que de todo hai. Pese a que vivimos tempos difíciles nos que sóbrannos os motivos para protestar, nen sequera iso nos converte nun país alborotador. De feito, e segundo a flamante presidenta da Comunidade de Madrid, Cristina Cifuentes, comentaba nunha declaracións as cifras dos seus tres anos e pico como Delegada do Goberno da capital do Reino. Nese tempo dixo ter contabilizadas arredor de once mil manifestacións nas rúas e, tan só en quince delas, quedou acreditado algún tipo de disturbio.

Pero aínda así, o actual goberno do PP, sempre velando pola nosa integridade, acaba de poñer en marcha a Lei de Seguridade Cidadá, tamén chamada polo populacho Lei Mordaza con toda maledicencia,  porque despois de todo ninguén pretende que non te manifestes nin te expreses libremente. A única diferenza é que agora facelo vaiche custar cartos ou pasar algunha tempada á sombra.  E non me refiro a unha sombrilla nunha terraza. Xa me entendedes. Pero que quede claro que poder, poderás. Incluso tamén seguir facendo brincadeiras sobre a Coroa española, que pese a esa pátina arcaica e retrógrada que a reviste é un filón para desaprensivos tuiteiros capaces de sacar punta a todo. Agora ben, cabe apuntar que se non che ríen a graza, igual corres serio perigo de atopar a un simpático polícia petando na túa porta. Sen malas intencións, por suposto. O peor que che pode pasar nesa tesitura é acabar sendo acusado de terrorista e xulgado como tal. Sí, antes todos fomos Charlie e agora somos todo o contrario.  E por certo, coidadiño con pagar o cabreo co policía que posiblemente che saque a rastras da casa se ousas non amosarlle o teu DNI para identificarte. Se por un casual ves os teus dereitos pisoteados ou o teu físico en risco, agocha ben o móbil para non caer nun tentador selfie mentres ti estás no chan e o policía porra en alto. Esa foto pode ferir a sensibilidade da súa familia e do teu peto, que nunca volverá sentir o peso dalgún euro nel despois da pertinente multa.

Pero hai que ser positivo...todo é para protexernos. Tampouco vas facer caso dun tal Benjamin Franklin que dicía que "calquera sociedade que renuncia a un pouco de liberdade para gañar un pouco de seguridade non merece ningunha das dúas cousas". E xa tal.

Hemeroteca