07:14 h. sábado, 20 de abril de 2024

Je Suis Esther (A do Bla Bla Car)

Dulce Corcu @DulceCorcu  |  31 de agosto de 2015 (22:11 h.)

Nestes días enchéronse as redes sociais con afectos e desafectos cara unha moza chamada Esther, que dende Vigo solicitaba transporte para ir a Ourense e foille ofrecido por un rapaz nunha língua inintelixible que ela, curándose en saúde polo que poidese vir, apresuróuse a rexeitar amablemente

 

Para sorpresa de moitos, o rapaz sentíuse ofendido de que non lle entendensen nunha língua que no seu país só se fala moito nas teorías de Gloria Lago que, a través da súa asociación Galicia Bilingüe, non se cansa de facernos ver que ensinar galego ós cativos é algo impositivo ademais de perigosamente nacionalista, e logo así nos vai....que se lles da por facerse curas din misas de portas abertas en galego e castelán para escándalo de arxentinos residentes na Comunidade, que non lle ven obxecto a ter que profesar o culto en idiomas raros. Nunca vira o pobre tal mostra de mala educación habendo un idioma só -o que profesa el- tan universal coma o español e que debería chegar dabondo para entendernos. Vítima da incomprensión internauta, non son eu, sos vos, viñeron a dicirlle por centos dende a Rede para afearlle ese afán monolingüístico que privaría ás minorías étnicas dos seus costumes ancentrais. Tan ancestrais son que ata devanceiros dos actuais habitantes da Coruña falaban ese idioma raro.

Pero sen remontarnos a tan lonxe, poñámonos na pel de Esther. Non sabemos de certo se é galega ou non, pero eu particularmente penso que sí o é. Ninguén de fora soe ter problema algún en entender a língua galega e moitos ata aprenderon a dicir Sanxenxo mellor que nativos como Rajoy. Ela, hipotéticamente autóctona, estará farta de escoitar falar a Feijóo na língua propia e, sendo sinceiros, a ver quen se atreve a dicir que escoitándoo entende o galego. Bueno, para ser xustos, nin o castelán tampouco, pero diso aínda non constan queixas de españois ofendidos. Menos mal que entre as súas labouras aínda non está a de oficiar misa ou xa tería a este e ao outro lado do Atlántico en pé de guerra. 

Esther é unha filla do seu tempo, seguramente. Criada nesas familias galegas cosmopolitas que queren que os seus fillos non sexan herdeiros do arado coma os seus avós e que cheguen á aldea falando castelán para que vexan que prosperaron na cidade. Que os esforzos dos vellos non foron en van. Vímolo claramente naquela concursante dun coñecido programa televisivo que, sendo ela dunha periférica localidade coruñesa, contáballe a outra con toda naturalidade que nun tempo que traballara en Lugo, achegábanselle mozos coa intención de ligar como en calquer outro lugar pero alí tiñan a manía de falar "muy cerrado y muy bruto" e claro...contigo no, bicho, víase ela obrigada a dicirlles. Polo visto non había cousa que lle dera máis baixón que un mozo falándolle na língua de Rosalía por decisión propia, sen que llo impuxeran no colexio como lle pasara a ela. ¿Quen está interesado en ser un paleto de motu propio, por deus?. Son misterios que Esther tampouco conseguíu desentrañar e que tantos vituperios lle custaron esta semana.  Asi que xa sabedes...viaxar é un pracer pero ollo con quen o facedes ou acabaredes sendo galegos en sentido pexorativo, como dicía Rosa Díez. Uns ninguéns, vaia. E iso si que non...que se aínda somos galegos non é por obra e gracia dun idioma raro, senón polo educado e fino da língua de Castela e de Cervantes. Como Deus manda.

E cando vaides reservar sitio para os vosos desprazamentos, non esquezades: Todos somos Esther.

Hemeroteca