05:20 h. Lunes, 18 de Diciembre de 2017

Stadio Sport

A insoportable levedade de Marta Rivera de la Cruz

Marta Rivera e o seu partido, no seu visionario mundo ideal, entenden que as estadísticas, as cada vez máis numerosas manifestacións contra a violencia machista e o número crecente de vítimas non son merecentes dun trato especial que protexa ás mulleres do machismo que humilla, abusa psicolóxica e sexualmente, ameaza, coacciona e, sobre todo, asasina

Dulce Corcu @DulceCorcu  |  16 de Diciembre de 2015 (19:06 h.)
Más acciones:

 

Milan Kundera xa nos advertía en A insoportable levedade do ser, esa novela inclasificable pero imprescindible que tanta gloria e fama lle deu, de que tendemos a evitar cargas pesadas e preferimos, por tanto, decantarnos polo sinxelo e liviano. Pero o autor tenta que estemos previdos contra iso porque, xeralmente, é algo que acaba volvéndose contra nós. A nosa liberdade dependerá da liviandade coa que a tratemos. E quizais iso foi o que lle pasou a Marta Rivera de la Cruz, número tres de Ciudadanos ao Congreso o vindeiro 20D cando, nun debate con outros aspirantes, a súa liviandade na quenda das propostas do seu partido para a loita contra a violencia machista fixo que se volvese contra ela, converténdoa en inesperada protagonista polos seus disparatados argumentos.

Ciudadanos é o partido de Albert Rivera, ese líder impoluto con vimbios de mesías que parece chegar para redimir aos españois das desfeitas da democracia para todos. A barra libre de dereitos a abolir inclúe o recurte nas leises contra a violencia de xénero que tan ben explicou Marta Rivera na súa intervención no debate da semana pasada. É un exceso que se no ano que aínda non rematou, 2015, haxa máis de cincuenta mulleres asasinadas pola violencia machista o agravante de xénero esté contemplado como tal, cando para eles o normal sería equiparalo á violencia doméstica, onde calquer membro é susceptible de sufrir agresión e non únicamente as mulleres polas súas actuais ou antigas parellas, que é o que contempla a Lei desde 2008, ano por certo no que foron asasinadas 84 mulleres únicamente por selo, polo abuso machista e a superioridade moral coa que se cren asistidos. Pero Marta Rivera e o seu partido, no seu visionario mundo ideal, entenden que as estadísticas, as cada vez máis numerosas manifestacións contra a violencia machista e o número crecente de vítimas non son merecentes dun trato especial que protexa ás mulleres do machismo que humilla, abusa psicolóxica e sexualmente, ameaza, coacciona e, sobre todo, asasina. Para Ciudadanos iso non son más que trifulcas domésticas que merecen castigo, sí...pero sen ensañarse cos homes aínda que sexan eles os que normal  e maioritariamente se ensañan coas mulleres. Nun alarde de golpe de peito varonil xa nos dixo Albert Rivera nun acto público que debían ser os homes os que abandeirasen e liderasen os cambios contra a violencia machista e a desigualdade. As mulleres mellor que escoiten e agarden as decisións que toman os homes sobre elas e as súas vidas, como se fixo sempre. A ver se agora Albert Rivera porque sexa novo e pareza o xenro ideal vai mudar as tradicións de toda unha vida.

Nesa sórdida levedade tamén caben as afirmacións da vicepresidenta do goberno de España, Soraya Sáenz de Santamaría no mediático debate de fai quince días, onde preguntada por como o seu partido enfronta o xeito de rematar coa violencia machista, sorprendeu cunhas medidas que a bo seguro serán eficaces e inmediatas, á par que moi doadas de por en práctica. Para ela o asunto reside en que as mozas non lle deixen aos seus mozos mirarlles o móbil e así evitarán máis adiante figurar nunha lista de falecidas por asasinato ou por reiterado maltrato. Mandarlle a mensaxe aos mozos de que deben ser eles os que non se adiquen a rexistrar os móbiles das súas mozas foi algo no que Sáenz de Santamaría non reparou, quizais porque no seu ideario particular, no fondo, non considera que eles sexan os verdugos e elas, as vítimas. Igual que Marta Rivera, quizais ela tamén pense que tanto debate e tanto agravante de xénero non sexan máis que unha medida cosmética. Para Baudelaire non cabía o desprezo da sensibilidade de ninguén porque segundo el ese era o xenio de cada cal, porque sen sensibilidade cara as cousas que lle pasan a outras persoas, pasaríamos polo mundo coa mesma levedade que Marta Rivera de la Cruz ou Soraya Sáenz de Santamaría. ¿E quen pode querer iso?