00:00 h. martes, 19 de marzo de 2024

O inquilino Felipe VI

Dulce Corcu @DulceCorcu  |  30 de diciembre de 2015 (03:27 h.)
Su-Majestad-el-Rey-durante-su-discurso-de-noche-buena-2015.-Lasvocesdelpueblo

Como cada ano e tan tradicional coma o Almendro, o descurso do monarca español volve a casa polo Nadal para felicitarnos as festas e para darlle que falar ao teu cuñado, especialmente monárquico a partires de que a botella de viño baixa da metade

 

Naquela precursora película de Fernando Fernán Gómez e José Luis López Vázquez titulada El inquilino, os desfiuzamentos xa eran un problema alá polos anos cincuenta e unha parella víase abocada a buscar teito ante a ameaza de quedar na rúa, algo que por desgraza sabemos que a día de hoxe pasa con demasiada frecuencia. Pero desde esta noiteboa todos vivimos un pouco máis tranquilos ao saber que somos posuídores dun elegante pazo en Madrid, como así nos fixo saber o Rei de España na súa alocución antes da cea de tan sinalada data.

Como cada ano e tan tradicional coma o Almendro, o descurso do monarca español volve a casa polo Nadal para felicitarnos as festas e para darlle que falar ao teu cuñado, especialmente monárquico a partires de que a botella de viño baixa da metade. Este é o segundo ano que lle corresponde a Felipe VI, unha vez abdicado o seu pai para facer vida de xubilado, por mais que el non sexa moito da típica partida de tute e prefira ver pasar os días en restaurantes de varias estrelas Michelín ou a bordo de algún avión ou iate privado que o leve polo mundo adiante,  sempre máis cómodo que agardar polas ofertas do Imserso para ir a Benidorm. Do rexio discurso ninguén agarda gran cousa toda vez que é supervisado de principio a fin polo Goberno de quenda, polo que aínda que o Rei dese en volverse revolucionario e orase sobre a igualdade, sobre os padecementos da meirande parte dos españois ou sobre a liberdade dos pobos, íanlle pasar o rodillo da censura porque a noiteboa é unha noite de paz e harmonía, non para andar falando de miserias e do que podería ser se mandasen outros, que para iso xa chega Podemos, aos que aínda non atoparon o xeito de censurar pero do que xa algo apuntou Felipe González, que suxire mudar a lei electoral para que ninguén lles ameace aos de sempre seguir cos seus consellos de administración, asesorías e comisións varias. Que cobrarse os favores dados é algo tan tradicional coma o mesmo Nadal.

A nota diferente este ano na aparición real foi o esceario. Anteriormente, sempre era dende a residencia da familia do Rei, ousexa a Zarzuela. Un palacete sen moitas ínfulas, co seu sofá hortera, as fotos familiares e a decoración contida que nos lembraba as especiais datas, e que non desentoaba coa mensaxe de cercanía cos cidadáns que se pretendía. Pero este ano os asesores deberon pensar que tanta modestia non viña ao caso despois de ver os casoplóns de moitos cargos do PP, agora no cárcere, sí, pero iso a Felipe VI non lle suporá problema porque el é inviolable e nunca deberá render contas á Xustiza por mal que o faga. O caso é que elixiron como base de operacións o salón do trono do Pazo Real, unha estancia a cabalo entre o salón dunha folclórica con posibles ou o dun xeque árabe, tal era o oropel e a ostentación. Felipe VI díxonos que estaba alí porque era noso, para desde aquel mar persa que era o chan alfombrado e aquelas paredes cubertas de ouro, sentísemos empatía co noso monarca e a súa campechanía conxénita. E desde alí falou sen parar da unidade de España como primeira e principal prioridade que debiamos ter para ser bos súbditos e para que a el non se lle acabe o choio, que foi o que lemos algúns entre liñas, por máis que non houbo maneira de que ao teu cuñado lle entrase na cabeza. Estaba bo para unha asemblea cos das CUP en Catalunya, que doce horas despois non pasan do empate.

A cronoloxía di que estamos no século XXI, pero vendo o decorado, a insensibilidade, a falta de sintonía coa xente real de verdade e o obsoleto e oco discurso, non vin a un rei tan preparado e moderno coma din que é. Parece máis ben que lle engadiran un pau (non me refiro a súa dona, Letizia) e tres séculos, pero que quen de verdade estaba a falar era o seu antepasado no cargo, Felipe V. Que, ademais do salón, de folclórica tamén tiña toda a pinta.

Hemeroteca