00:00 h. sábado, 20 de abril de 2024

Ilusión

Dulce Corcu @DulceCorcu  |  13 de junio de 2015 (02:00 h.)

Cando a resaca da marea deixou que a ilusión se expandese, vin un país distinto. Ou quizáis non, quizáis xa era así pero non nos deixaban velo. Quizáis volvémonos distintos nós

¿Qué é poesía? Era o que se preguntaba Bécquer nas súas inmortais Rimas e Lendas. Este venres, dous séculos despois e en vésperas da marexada que será hoxe a investidura de novos alcaldes, quizáis cabería preguntarse que é ilusión. Ese parece o sentimento que levou a milleiros de votantes a optar por forzas inéditas, a deixarse arrolar polo refrescante son da marea achegándose á praia. Na noite electoral, vin latexar corazóns máis forte ca nunca; vin xente agarrada da man e cos ollos pechados, sufrindo, e ao mesmo tempo, ilusionados. Como quen agarda polo xogador do seu equipo a piques de lanzar un penalti. Contidos pero expectantes.

Despois, cando a resaca da marea deixou que a ilusión se expandese, vin un país distinto. Ou quizáis non, quizáis xa era así pero non nos deixaban velo. Quizáis volvémonos distintos nós. De xeito aínda imperceptible ao principio, escoitábase o descorrer de pesados telóns, o estrépito de fiestras abríndose e de micrófonos dos que salían verbas que soaban coa mesma música que as Rimas de Bécquer. Coma se che levasen de viaxe sen saír do país.

Agora, cando sabemos que hoxe en Galicia haberá alcaldes que non se postren de xeonllos ante o Apóstolo ou baixo palio na Semana Santa na súa laboura institucional, ou que non fumarán un puro no tendido dunha praza de touros, ou que non farán que os cartos de todos subvencionen as afeccións ou crenzas dalgúns, agora é cando de verdade toca ilusionarse.

Creo que se o insigne Laxeiro vivise para velo, hoxe encontraría desfasada aquela frase súa que dicía: qué fermoso país e qué carallo de xente!

El tamén estaría cheo de ilusión.

Hemeroteca