00:15 h. viernes, 29 de marzo de 2024

Grelo con denominación de orixe de Sex-Shop

Dulce Corcu @DulceCorcu  |  06 de noviembre de 2015 (19:01 h.)
07

O xornal británico The Guardian interesándose por ese produto típico da cociña galega chamado clítoris, pois así saía nomeado o grelo na súa tradución en Google ao castelán

 

Calquer foráneo ao que lle pedisen destacar algo de Galicia, a bo seguro que unha das primeiras cousas que diría sen dúbida algunha é a gastronomía. Non hai padal nin nacionalidade que se resista ao polbo á feira, ó marisco ou a un lacón con grelos, por citar algúns dos pratos máis coñecidos e demandados. Tan celebrados son, que non hai localidade galega que non teña unha ou varias festas de exaltación de produtos da terra ou do mar. As Pontes non ía ser unha excepción e cada ano o domingo de Entroido venera á verdura máis galega de cantas existen e que reina coma nunca nesas datas: o grelo. 

Ata aquí nada que deba sorprender, porque xunto coas filloas e as orellas, o lacón con grelos é a exquisitez de calquer entroidada que se precie. Por iso o Concello de As Pontes mantén durante todo o ano na súa Web a promoción da Feira do Grelo, para que ninguén deixe de saber o que se perde en caso de non asistir. Pero estes días esa feira foi noticia de alcance mundial pese ao lonxe que aínda queda o Entroido e a toda a apariencia que tiña de inocentada. A Web do Concello atópase en galego e o corrector automático de Google ocúpase de traducila para quen o teña a ben e, coma noutras ocasións, non con moita fortuna. Deixalo todo en mans das máquinas ten os seus riscos, porque elas tampouco son perfectas e ás veces os encargados de manexalas teñen as mesmas nocións de correcto galego que o presidente Feijóo, esnaquizador oficial da língua propia.

Non é de estrañar a estupefación do goberno municipal ao recibiren a chamada do xornal británico The Guardian interesándose por ese produto típico da cociña galega chamado clítoris, pois así saía nomeado o grelo na súa tradución ao castelán. De repente o que ofertaba o Concello non era unha tradicional feira gastronómica, senón que acabara convertida nunha Feria del Clítoris que máis convidaba a unha festa temática do Salón do Porno ou a algunha visita guiada por un sex-shop. E aínda bo foi que no Concello non recibiron reprobación da OMS por abusar da carne, cando veñen de advertir do perigoso para a nosa saúde do seu consumo. Visto que esa suxerente  tradución levaba meses colgada na Web, o que non entendo é que no Concello non tivesen as liñas telefónicas colapsadas solicitando reserva. Por suposto que calquera sabe que o clítoris non é produto típico galego, pero sí debe ser o único lugar do mundo onde se servía empratado. Se hai xente que come extravagancias como brécol ou acelgas, pois coma pouco tamén podían sentir curiosidade polo clítoris á feira. Que sobre gustos non hai nada escrito.

Cando a nova saltou aos medios, máis de un deu en pensar na mente perversa dos de Galicia Bilingüe, sempre empeñados en darlle a volta á Língua e en facer que pareza o que non é. Pero malpensados aparte, xa tivemos algún precedente bochornoso coas traducións de Mr. Google. Inesquecible aquela do Conselleiro de Cultura (¡de Cultura!) Roberto Varela, que en pleno discurso en Fitur nomeou á locadidade coruñesa de Sobrado dos Monxes como Desván de los monjes, facendo un ridículo épico que aínda lle debe impedir durmir algunha noite. 

Ao fin, estas cousas veñen sendo outra mostra do desprezo cara a Língua galega, por non dárenlle o recoñecemento que merece como tal e o respecto á toponimia oficial que sitios como Wikipedia vilipendian sen o mínimo rigor. Ou iso, ou que Galicia Bilingüe ten uns tentáculos máis alongados que os do auténtico produto típico de Galicia. E non me refiro ao clítoris.

Hemeroteca