00:10 h. jueves, 25 de abril de 2024

Galicia, sitio distinto

Dulce Corcu @DulceCorcu  |  10 de julio de 2015 (01:02 h.)

Agás o labirinto grego, non hai nada que faga a compentencia nas portadas dos xornais e nas cabeceiras dos noticieiros televisivos á vaga de calor que está sobrevindo a toda España. Ou case, porque nós os  galegos, aínda non estamos na tesitura de derreternos por temperaturas extremas e inusuais

 

É de supoñer que cando os poetas e os cursis falan das cores do verán, a bo seguro que non se refiren ás que predominan este ano: laranxa, vermello, amarelo....que veñen sendo as cores das sucesivas alertas en moitas cidades case a diario, para evitar males maiores causados polo abafante calor.

Non hai programa no que non se fagan gráficas reportaxes a pé de praia ou de piscina, cheas de xente a remollo e cubertas de tanta crema protectora que o cheiro semella traspasar a pantalla e inundar o teu salón. Ou peor, a túa cea, que de pronto xa non arrecende a costeleta nin aos tomates da horta da túa nai. Pero en todo caso, eses son os privilexiados. Nos mesmos programas tamén nos ofrecen as panorámicas das rúas baleiras, con termómetros marcando de 45º para arriba e algún turista despistado facéndolle fotos. Como se atopar sol e calor non fose precisamente o que os trouxo a España. Despois, para lembrarnos que este non é un país que vive só de festas e xente desocupada enchendo as praias, imaxes de traballadores remangados; camareiros e operarios sen camiseta buscando a sombra co mesmo ahínco que Messi un título coa súa selección. Limpando a súor da frente mentres lle conta á sorrinte reporteira que qué se lle vai facer, que malo será que winter is coming e que hai que ter paciencia. Como colofón aos estragos calurosos deste verán incendiario, unha secuencia de imaxes nocturnas que parecen estampas dalgún dos Episodios Nacionales de Galdós. Familias enteiras pernoctando na rúa de madrugada, equipadas con sillas baixadas dos seus fogares e aposentadas sobre as beirarrúas, pertrechados todos tras os pertinentes abanos que removen sen piedade a brisa ardente dun lado a outro. Tamén se confraterniza cos veciños e se xoga cos cativos, libres da ditadura do mando da televisión e do omnipresente Jorge Javier Vázquez.

¿E Galicia?. Aquí o único que se torra é o churrasco dominical nas brasas feitas polo teu cuñado, ben parapetado cara ó abrigo para que o Nordés  non cause un polvorín innecesario e perigoso. Non se ven turistas retratando termómetros, senón viveiros de langostas e centolas nos restaurantes ou no prato de percebes. Aquí non hai calor que faga perder o apetito. As nosas praias tamén se enchen de xente porque hai que aproveitar, non vaia ser que mañá espertemos con néboa ou orballo e haxa que mudar o biquini polo impermeable. Somos así de imprevisibles. E cando cae a noite, os galegos despois de cear acomodámonos no sofá para ver as novidades da vaga de calor que asola España cunha mantiña nos pés, que xa refresca.

Shakespeare non o sabía...pero cando dou feito o seu  Soño dunha noite de verán, foi nalgunha outra vida na que naceu en Galicia. Sitio distinto.

Hemeroteca