00:00 h. sábado, 20 de abril de 2024

Días de Fútbol

Dulce Corcu @DulceCorcu  |  20 de septiembre de 2015 (02:05 h.)

Se hai un retorno estelar que traia o outono ano tras ano, ese é o do fútbol

Foto: David Dopico

Da man do outono chegan, ademais dos chubascos e os ceos grises, por exemplo a recollida de cogumelos e castañas, os primeiros turróns tentando nas baldas dos supermercados e a tan desexada volta ao cole para descanso de pais e nais empachados de verán e berrinches infantís. Pero se hai un retorno estelar que traia o outono ano tras ano, ese é o do fútbol.

Noutro tempo non tan lonxano falar de fútbol era sinónimo de domingo. E por suposto sempre en horario de tarde, tras a reparadora sesta. Agora iso mudou e hai partidos que se xogan ás doce do mediodía, cousa que supuxo un gran adianto para moitos afeccionados que xa non precisan andar estruxándose os miolos buscando unha excusa que os libere da comida familiar na casa dos sogros ou dos cuñados. Ou de ambos, que hainos que nacen sen fortuna. Hoxe resulta impensable un só día de competición. A semana empeza o venres co partido adiantado da xornada de Liga que, polo xeral, é entre dous equipos dos que menos aspiracións soen ter de cara ao título e máis probablemente acabarán pelexando pola permanencia. Os pratos fortes sempre son reservados para sábado e domingo, cando se supón que todo o mundo está ocioso e pode encher os campos e os bares para desfrutar do deporte. Iso sí, ben sentados e servidos con algunha tapa e un feixe de cañas, que ver correr desgasta moito.

Na lembranza xa os paseos marítimos e parques ateigados en pleno verán de avoas en manada, de paseo na fresca ou de camiño á novena. Agora atópalas en Riazor, comendo pipas na bancada e coa bufanda do Depor colgando do pescozo e sen tapar de todo o colar de perlas e o bolso en bandoleira, como lle ven levar ás netas. Nunca chaman aos xogadores polo seu nome, para elas todos son meu neniño, meu rei, meu corazón...que ese derroche de tenrura se convirta en virulento ataque de furia cando algún xogador rival se propasa cos da casa é algo propio do Dr. Jeckyll e Mr. Hyde. Cousas da paixón.

Despois da maratón ligueira da fin de semana, queda o partido do luns, ese que relegan para que enterres dunha vez a resaca e te obrigues a despertar por fin cos inconfundibles chillidos dos locutores que toquen esa noite. Como unha tregua non se concible, o martes e mércores xa quenta motores a Champions, o torneo máis desexado por calquer equipo do continente. É por iso que moitos bares teñen máis dun televisor para poder simultanear partidos que se xogan no mesmo día, asi que chega un momento que non sabes se estás en San Siro ou en Wimbledom, con todo o mundo mirando dunha pantalla a outra. Só falta Michael Robinson cantando match point cada vez que se marca gol. Aínda sen dar recuperado da tortículis ocasionada por tanto volteo de cabeza, chega o xoves coa UEFA, que é coma unha Copa de Europa descafeinada, para segundóns. Coma se aspirases a Ministro e quedases en Secretario de Estado, que non está mal, pero estás fora da primeira liña.

Entre medias, dispútase tamén a Copa do Rei, un trofeo vido a menos pola importancia das outras competicións internacionais, pero que aínda serve para facer as delicias de nostálxicos da República cando se lle pita ao monarca e ao hino franquista. O fútbol non debe politizarse, sempre hai algún que se queixa, pero os políticos enchen os palcos de gratis total como tales e non como un afeccionado máis que pague polo seu asento. Non vaiamos mesturar conceptos. E senón que llo pregunten a Rajoy, que non dubidou en plantarse en Polonia costeado entre todos nós para un partido da selección española. Tampouco é de estrañar, que el de meternos goles sabe moito.

E xa estamos de novo a venres e todo volve a empezar....porque tal como dicía Walter Scott, a vida non é se non un partido de fútbol. ¡Que non che colen moitos goles!

Hemeroteca