06:31 h. Martes, 21 de Noviembre de 2017

Stadio Sport

“El Desconocido” que todos levamos dentro

A estas alturas, xa todos teriades escoitado -e moitos ademais veriades- a fantástica película do monfortino Dani de la Torre, protagonizada por un angustiante Luis Tosar e titulada El Desconocido

Dulce Corcu @DulceCorcu  |  10 de Octubre de 2015 (00:04 h.)
Más acciones:

 

A marxe da trama e das impresionantes interpretacións, o director fixo de A Coruña unha cidade de puro cinema que durante toda a película é unha postal que emociona inevitablemente a quen se recoñeza nela. Escearios que nos resultan familiares  e que non son coma sempre Nova York, Londres, Madrid ou Barcelona. Desta vez son os abismais acantilados a carón da Torre de Hércules, a impactante vista aérea da Ponte Pasaxe ou a deliciosa Praza de Vigo, convertida na ficción nun recuncho agorafóbico e opresor do que queres fuxir sen apenas darte conta de que ti estás sentado na butaca dun cinema e non nun coche rodeado de policías e cunha bomba debaixo de ti. Ese é o mérito dunha boa película: conseguir que a vivas tan intensamente que acabes esquecendo que só es un espectador.

Case dende o inicio, en canto sabemos que Tosar é un director de sucursal bancaria, comezamos a intuir qué leva a El Desconocido a extorsionalo sen tregua nin a amosar a mínima compaixón. Instantáneamente emerxe a estafa das Preferentes como posible detonante, porque só alguén que se sinta tan despoxado, roubado e humillado pode chegar a ese punto de desesperación e barbarie.  A mesma que seguen a sentir os milleiros de afectados que aínda non viron reintegrados os seus aforros de toda unha vida, pero que tiveron que ver a un dos causantes dos seus desacougos veranear nas Illas Baleares a bordo dun luxoso iate e relaxarse nas piscinas do Club Náutico de Xixón, sen máis preocupación aparentemente que apurar o desfrute dos praceres estivais. Rodrigo Rato non parecía ter aspecto de estar arrepentido de nada nin de temer polo seu futuro. Despois de todo, tivo a honra de ser recibido polo Ministro do Interior español, ese beato chamado Jorge Fernández Díaz que, aparte de pedirlle a Deus pola súa alma, queiras que non manda moito tamén nos que se ocupan de andar buscándolle faltas aquí e alá. Porque o que esté libre de culpa que tire a primeira pedra. Nunca saberemos se por xustiza divina ou terreal e, pese aos numerosos delictos que cada día se lle descobren e imputan, aínda non deu pisado a cadea. 

Pero coidado porque na súa enésima comparecencia xudicial, e cunha Fiscalía que non lle pedía nin unha soa medida cautelar pese a uns antecedentes nada exemplares, o xuíz atreveuse a dar o paso de retirllarlle o pasaporte para evitar delirios de fuga, non lle fose dar por pedir asilo político en Disneylandia e facerlle a competencia ao Tío Gilito. Pero o xuíz tampouco ía ser tan despiadado de deixalo confinado en España, que agora en outono Mallorca e os clubes náuticos teñen menos ambiente e son pouco apetecibles, así que poderá viaxar a pracer por toda a Unión Europa incluida Suiza, porque aínda sen ser membro ten un tratado que permite a libre circulación de cidadáns da UE. Polo tanto, Rato non terá que verse na obriga de desatender os seus aforros de toda unha vida de esforzado defraudor a esa Facenda que somos todos menos os ricos. Non se ía botar todo a perder porque haxa uns cantos alborotadores que, sentíndose estafados polo que as sentenzas xudiciais veñen  en chamar mala praxis bancaria e polas cales, con sorte, verán devolto parte do estafado pero nunca a un banqueiro condeado e penando na cadea por ter cometido unha manifesta fraude. Nin que España fose Islandia.

O máis paradóxico de El Desconocido é que está tan ben dirixida que fai que o espectador acabe empatizando co verdugo que estafa e arruina e non coa vítima á que nada lle queda agás a vinganza persoal. O que non pase no cinema....