00:00 h. viernes, 19 de abril de 2024

Denantes mortos que tramitar a ILP de Castelao

Dulce Corcu @DulceCorcu  |  03 de octubre de 2015 (02:53 h.)

A faceta galeguista de Feijóo xa ten confrontado co BNG outras veces, porque os nacionalistas non dan entendido que ser galego non implica necesariamente reivindicar símbolos propios en mans alleas

 

Probablemente todos coñezamos esa popular expresión que se adoita empregar cando algo se antoxa moi difícil de acadar e que non é outra que a de milagres a Lourdes, en referencia á virxe francesa máis milagreira de todos os tempos e agora en dura competencia coa virxe do Rocío, encargada de rematar co paro en España e asesora persoal de varios ministrables. 

Pois algo máis que un milagre íase precisar para que a ILP (Iniciativa Lexislativa Popular) presentada por Pilar García Negro como presidenta de Galiza Cultura e con once mil sinaturas como aval, solicitando no Parlamento galego que a figura e obra de Castelao contase co respaldo institucional da Xunta de Galicia para poder ser espallada e recoñecida dende todos os ámbitos culturais do país. Méritos non lle faltan a pouco que se abunde na súa biografía. Todos os grupos parlamentares agás o que goberna apoiaron a moción, pero a maioría absoluta do PP fixo imposible que prosperase. Iso sí, o milagre que non se lle pode negar a Castelao é que foi quen de que Beiras volvese louvar ao BNG, tanto tempo despois. E sen ir a Lourdes. A reacción do goberno de Feijóo era bastante previsible, toda vez que para el o galeguismo exércese doutro xeito. Como naquela ocasión en que contratou a Marta Rivera de la Cruz, asidua das teses de Galicia Bilingüe, escritora en riguroso castelán e opositora denodada a que o galego forme parte do ensino e da vida pública máis alá dunha presenza mínima e anecdótica. Con estes vimbios foi a elixida para homenaxear a Rosalía de Castro nun acto promovido pola Xunta. Cuspidiñas elas, non cabe dúbida

Galeguismo harmónico tamén aquela teima coas garderías públicas cando Feijóo e o PP chegaron ao poder. Postas en marcha polo bipartito e nomeadas Galescolas -que non é máis que o diminutivo de Escolas de Galicia- , foi o primeiro ao que o novo goberno meteu man porque non se podía consentir que nos mandilóns dos cativos houbese un atisbo de bandeira galega, non fose iso máis adiante a crear confusión cando chegasen á idade de levar a pulseira ou o polo coas cores da bandeira española. Que para algo é a de todos. As garderías tamén viron mudar o seu nome sen perda de tempo para que ninguén sospeitase que a onde ían era a escolas galegas. Eles, tan cómodos entre aves, optaron por A Galiña Azul. Tiveron o detalle de que non fose unha gaivota para que quedase claro que os que buscan adoctrinar son outros. 

A faceta galeguista de Feijóo xa ten confrontado co BNG outras veces, porque os nacionalistas non dan entendido que ser galego non implica necesariamente reivindicar símbolos propios en mans alleas. Como cando se lle pediu ao seu goberno que negociase co Arcebispado a cesión do Panteón de Galegos Ilustres, que mora no Mosteiro de Santo Domingos de Bonaval e onde repousan Castelao e Rosalía entre outros. Pretendíase que fose accesible a todo o público que o desexase, sen as restricións que lle pete poñer á Igrexa cando lles veña en gana. Pero Feijóo non tiña pensado nin remotamente poñerse a mal con Deus e menos para compracer aos herexes do BNG, sempre tan pouco piadosos ca causa cristiá e nada dados a procesións e axeonllamentos papais. No pecado levan a penitencia.

Pero cando de verdade destila galeguismo Feijóo é nas súas viaxes transoceánicas en época electoral. Nas comilonas dos centros galegos de Arxentina ou Uruguai presume de ser o presidente de todos os galegos e así vai seguir sendo mentres estén dispostos a seguirlle votando. Porque diso vai depender que os centros sigan promocionando a muiñeira e o polbo á feira, auténticos expoñentes culturais galegos. En caso contrario, o próximo quizais sexa que en vez dunha papatoria haxa unha lectura de poemas de Rosalía de Castro ou algún sainete do Sempre en Galiza de Castelao. ¡E agora dicídeme se hai comparanza!.

Hemeroteca