17:48 h. viernes, 19 de abril de 2024

Demolition man Feijóo

Dulce Corcu @DulceCorcu  |  08 de septiembre de 2015 (02:00 h.)

Quizais Feijóo teña que pasar por un proceso de conxelación, e ser despertado noutra época coma o protagonista da película que da título a este artigo para atopar o seu sitio na Historia e non figurar nela coma un auténtico demoledor que, igual que un moderno Atila, destrúe cando cheire a público que saia ao seu paso

 

Aínda sen apagarse de todo o balbordo da xuntanza no Pazo de Raxoi do presidente co embaixador xaponés, con motivo de promover ao alimón o Camiño galego co dunha illa xaponesa e onde iso acabou sendo o de menos. Ese abandeirado do plurilingüísmo que tantos traballos deu  a comunidade educativa, á oposición, a poboación en xeral e ao Tribunal Superior de Galicia, recurso último de descontentos e damnificados, neste caso non ía sorprender e deixou o emprego de distintas línguas para o embaixador foráneo, que se expresou en dignísimo galego mentres Feijóo, presidente de  todos os galegos, o facía en universal castelán para que non o tivesen que subtitular na Coruña ou se por un casual o escoitaban os cativos da Galiña Azul, que xa non aprenden en galego porque grazas ao seu goberno rematou a imposición de criar nacionalistas nas garderías públicas. O video da comparencia  foi tanto ou máis visto e comentado que calquera dos seus predecesores: Picasso era catalán, Rosalía de Castro escribíu Poemas Galegos e os Chieftains rebautizados por Tis Che Tein, entre outros. Feijóo é así, hilarante ainda que non o pretenda.

Para menos chanzas está o asunto do novo hospital de Vigo, chamado inxustamente Álvaro Cunqueiro, porque ninguén  imaxina ao de Mondoñedo facendo unha trapallada tras outra como está a ser a xestión dese hospital. A verdade que iso de que lle poñan o teu nome a algo ás veces non é unha honra precisamente, senón unha verdadeira cruz. Aos feitos me remito. Non só a polémica das privatizacións que tanto gostan ao partido de Feijóo -aínda que eles non empregan ese termo, prefiren sociabilizar- senón á desfeita que teñen montada cos conseguintes trastornos para os principais afectados, que son os pacientes. Cando se falou de que se atoparan no edificio vestixios do paso dun rato, moitos deron en pensar que o ía inaugurar o vicepresidente do milagre económico de afundir Bankia, ou que se pasaría por alí a operar algunha hernia causada por unha mala caída ao lanzarse ao mar dende a cuberta do seu iate. ¿Quen podía pensar que o que había eran ratos máis proclives ao queixo que ao vil metal?. Pois sí, polo visto tiñan alí montado o seu campamento coma uns desfarrapados calqueras daqueles do 15M. E botalos ía ser igual de laborioso, parecía. Tamén porque non estaban sós. Os insectos anidaban en calquer recuncho a medio facer de tantos que había e, para colmo e niso que a conselleira de Sanidade deu en chamar eufemísticamente alteraciones del aire,  os condutos están cheos de hongos deses que fan que entres nun hospital cunha gripe e saias cunha neumonía. Ou cunha gastroenterite se tes a mala sorte de que na comida che poñan arroz conxelado, como lle pasou a un ingresado ou directamente nada, como lle pasou a outro. Claro que igual iso só son lendas de malas línguas da oposición ou dos liantes dos sindicatos. Que o teito dunha sala caia de súpeto tampouco é para alporizarse tanto, que con tal motivo o sector da construción terá buratos dabondo que tapar e así non están na lista do paro facendo bulto. 

Eufemismos aparte, Feijóo aínda non acredita na mobilización que lle montaron o outro día en Vigo por toda esta teima dos desperfectos do Álvaro Cunqueiro. Miles de persoas nas rúas como se o Celta estivese na final da Champions, polo menos. ¡Xa podían saír así cando veñen os reises ou o Papa!. Sen que houbese que pagarlles comida, aloxamento e carretalos en bus, enténdese. Feijóo xa só ten unha esperanza, que cando o desperten da conxelación el tamén atope un mundo idílico onde non haxa que falar galego nin despoxos que lle monten manifestacións. Ah, e no que Álvaro Cunqueiro fique contento.

Hemeroteca